EIRAVELLA
Otero García, Juan
( Portas, Pontevedra, 6 de mayo de 1934 )
Biografía
O seu nome verdadeiro é Juan Otero García aínda que popularizou o seudónimo de Eiravella, que procede da súa aldea natal. Autodidacta por completo, cultiva indistintamente a pintura e a escultura. Residiu algúns anos en Bélxica, concretamente en Malinas, onde deixou unha extensa obra, viaxando por toda Europa. Realizou numerosas exposicións individuais e colectivas. Reside e traballa en Vigo. A súa obra está representada nos museos de Galicia e mais en coleccións de institucións particulares. Eiravella é un pintor de liña inxenuísta, que semella inspirarse en vellos manuscritos así como en ilustracións de libros piadosos. Quizais se poida emparentar con Chagal pese a que a inocencia das súas escenas imposibles con seres que levitan ou andan polo espacio, arquitecturas ingrávidas e transparentes, mundos soñados, son por completo persoais, de execución simple, ou, mellor, simplificada, a base dun debuxo elemental e dun cromatismo delicado. A escultura deste artista parte directamente do románico e aínda das formas ibéricas; liñas curvas, volumes rotundos, dozura nas expresións, deliberada desproporción nos cánones danlle unha personalidade inconfundible. Son magníficas as súas tallas directas posto que posúe un grande dominio da artesanía, e cinceis e buxardas logran no granito texturas exquisitas. Tamén as súas madeiras ou marfís son criaturas dun mundo entrevisto.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.