JESÚS OTERO-YGLESIAS
Otero Yglesias, Jesús
( Lugo, 1963 )
Biografía
Asiste a obradoiros dirixidos por Jannis Kounellis, Gabriel Orozco ou Joan Fontuberta para formarse artisticamente e completa a formación con frecuentes visitas aos máis destacados museos, así como coa constante lectura de libros de arte. Inicia a carreira artística cara a mediados da década dos oitenta a través dunha linguaxe expresiva interdisciplinar que abarca distintos medios. A súa actividade expositiva comeza —a título individual— na Sala de Arte da deputación da súa cidade natal en 1986, e ese mesmo ano participa na exposición colectiva Novissimos —repetirá ao ano seguinte—, que itinerará polas principais cidades galegas. A bolsa de residencia no Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos (1986) é o punto de partida para unha traxectoria artística marcada de destacados fitos como os primeiros premios de Escultura no IV e V Certame de Artes Plásticas de Lugo (1991 e 1993), bolsa Xóvenes Creadores da Xunta de Galicia (1991 e 1993), bolsa de creación artística Unión Fenosa (1993) —amplía estudos artísticos en Bélxica—, terceiro premio nos Premios Europa de Ostende (1993), bolsa Talleres Miró da Fundación Pilar i Joan Miró en Palma de Mallorca (1996) ou o gran premio de honor no III Salón de Outono de Pintura da Coruña (2000), entre outros. Colaborou co grupo de investigación plástico-musical Espacio Permeable, co que levou a cabo diversas actividades. A súa obra está representada en destacadas coleccións de institucións e museos de Galicia, así como noutras do resto de España, Bélxica ou Xapón, e en coleccións particulares. Está considerado un dos artistas conceptuais, xurdido nos anos noventa, máis relevantes do panorama artístico galego.
O seu traballo artístico heteroxéneo abrangue o debuxo, a pintura, a escultura, a mail art, a instalación, a performance, a poesía ou a música. A súa persoal filosofía creativa está baseada na dualidade, e mais na natureza, que transforma e idealiza. Estrutura a súa obra —lírica, emotiva, irónica, esquemática e de exquisita factura— en razoados e extensos proxectos que se materializan en complexas series enlazadas entre si, de maneira que compón un tecido conceptual moi persoal con claras influencias do surrealismo, da pintura renacentista e barroca, flamenga e holandesa, e da xeometría neoplasticista.
A obra pictórica que figura na Colección Afundación, datada en 1994, pertence á serie Flandes, coa que o autor lucense logra os seus máis destacados éxitos, ao igual ca coa seguinte, denominada Museum. O proxecto Flandes xorde da bolsa que Unión Fenosa lle concede e lle permite trasladarse a Bélxica; reside en Brugge durante un ano. Esta serie está composta por unha serie de paisaxes e ceos baleiros, onde desde o chan parten barras que soben ata o infinito, un traballo sobre verticalidade e horizontalidade, cunha grande influencia do paisaxismo holandés renacentista e barroco, así como da filosofía ortogonal de Mondrian. Na obra Flandes LI, Hombre de Flandes I, tamén aparecen cara ao fondo, de forma simétrica, unhas barras estreitas que se curvan e crean coma un costelar; afirma o autor: “Realmente son picas, unha especie de lanzas como as de A Rendición de Breda”.
Bibliografía
"Jesús Otero Iglesias", catálogo editado por M.A.C., Unión Fenosa, reproducido na p. 35.
VV.AA.: Jesús Otero-Yglesias. Museo Unión Fenosa. A Coruña, 1996.
Seoane, Xavier: Divagacións ao norde. A Coruña, 1996.