DIEGO DE OYA SILVA
Oya Silva, Diego de
( Vigo, 1922 - 1988 )
Biografía
Compartiu a súa dedicación á arte con tarefas relacionadas co mundo das viaxes. Alumno da Alianza Francesa, viaxou con frecuencia a París, cidade da que coñecía moi ben os museos. Realizou diversas exposicións persoais en Vigo e noutras cidades de Galicia e acudiu a mostras colectivas. Foi un debuxante moi solto, lixeiro, de corte postimpresionista e traballou moi ben a acuarela. Habitualmente, captaba recunchos populares das cidades que visitaba, resultando de interese documental o seu traballo sobre París ou Vigo. Un e mailo outro merecerían un álbum, pois onda a captación da realidade había un espírito plástico inquedo, de grande efectismo. Ese modo de ve-la paisaxe urbana, que caracterizou a Pisarro, por exemplo, interesoulle a Diego de Oya, que se expresaba con grande delicadeza nos pequenos formatos. A dinamicidade do cotián, a esencialidade que contén, coa ideación, en trazos seguros e simplificados do monumental como fondo, caracterizan a súa angueira, probablemente menor, mais non por iso de menor calidade.
Bibliografía
DIEGO de Oya, 1922 - 1986, Euro Arte, Vigo, 2001.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.