BELÉN PADRÓN
Padrón García, Belén
( Oviedo, 1976 )
Biografía
Nace en Oviedo, aínda que desde moi temperá idade reside en Pontevedra e mostra unha precoz afección artística alentada polos seus pais. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo en 1999, obtén o Premio Extraordinario de Fin de Carrera. Completa a súa formación con cursos de doutoramento na U.C.L.M. entre 2001 e 2002, así como con numerosos cursos e talleres de pintura, ilustración, gravado ou escultura impartidos por renombrados artistas como Soledad Sevilla, Luis Gordillo, Guillermo Pérez Villalta, Miguel Calatayud, Enrique Velasco ou Raimundo Orozco. Obtén bolsas de pintura «Novos Valores 1999» ou a bolsa Talens 98/99 de axuda á investigación, entre outras, e é premiada con galardóns entre os que cabe destacar o primeiro premio de Pintura no Certame Galego Xuvenil de Artes Plásticas (1993), o primeiro premio de Pintura Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, Galicia e Norte de Portugal (2000), e o premio adquisición do II Premio Nacional de Pintura María José Jove (2007). Comeza a súa actividade expositiva a título individual en Pontevedra co programa «Espacios Alternativos» en 1997. Posteriormente, realiza mostras individuais nas principais cidades de Galicia e na Casa de Galicia de Madrid, e participa en mostras colectivas, feiras, bienais e certames en Galicia, Valencia, Lanzarote, Madrid, León e Portugal. Atópase representada en coleccións institucionais como Afundación, Deputación de Pontevedra, Fundación María José Jove, ou Unión Fenosa, así como en coleccións particulares. A súa tarefa docente é relevante na súa traxectoria; obtén a bolsa de apoio á docencia da Universidade de Vigo (1999) e a bolsa de cooperación interuniversitaria de Arxentina (2000). Así mesmo, realizou con éxito traballos de ilustración, entre os que cabe resaltar o da obra literaria Rosalía de Castro. Escolma poética (2012).
Artista disciplinada, pasional e tremendamente imaxinativa, de alma viaxeira ─residiu en Cuenca, Canarias ou Arxentina─, nútrese desas experiencias viaxeiras, dos seus referentes artísticos (entre os que se atopan pintores como Gustav Klimt, Picasso, El Bosco ou Alberto Durero), e literarios (como José Saramago, Rosa Montero ou Juan José Millás), e de todo o que rodea para crear unha xenuína, intimista e colorista pintura. O seu imaxinario aséntase na abstracción cunha forte carga conceptual, que nos traslada a universos paralelos onde o debuxo e a liña posúen un gran protagonismo, e que reflicte unha diversidade temática e expresiva, así como un decorativismo que responde o seu afán por buscar a beleza. A cor é o vehículo que nos traslada a eses universos diferentes, a eses espazos de ficción xerados dentro da superficie pictórica. Na súa obra resulta fundamental o seu singular proceso creativo, afirma comezar sempre desordenando a superficie de tal forma que nunca sabe onde vaille a levar, e despois busca un sentido nesa desorde e atopa mundos que nos convida a percorrer xunto a ela.
Na obra de formato cadrado realizada en técnica mixta sobre lenzo Fragmento: Cinco segundos (2000), pertencente á Colección Afundación e coa que obtén o importante galardón Eixo Atlántico, a cor viva e intensa eríxese como protagonista, así como un forte carácter decorativo; lembra aos mestres da pintura Henri Matisse e Gustav Klimt. Sobre un fondo plano rosa fragmentado por múltiples liñas brancas dispón numerosos cadrados irregulares nunha mesma tonalidade vermella que en ocasións fracciona a través de pinceladas amarelas; parece evocar o puntillismo postimpresionista. A fragmentación da cor simboliza esa fracción do tempo ao que fai alusión o título desta peza que rezuma ritmo e dinamismo.
Bibliografía
ARTISTA de Galicia. Guías culturais. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2003.
BELÉN Padrón. La ciudad de las Musas, Casa de Galicia, Madrid, 2008.
NOVOS Valores 2000, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2000.
VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU). Tomo 13, Ir Indo Edicións, Vigo, 2002.
IV Premio de Pintura Eixo Atlântico do noroeste peninsular 2000, Eixo Atlântico do Noroeste Peninsular, Vigo, 2000.