PAILÒS
PAILÒS BLANCO, MANUEL
( Corme, A Coruña, 1918 - Montevideo, Uruguay 2004 )
Biografía
Nace no seo dunha familia de orixe campesiña por parte materna e mariñeiro por parte paterna. Instálase cos seus pais en Uruguay cando é un neno, onde pasa a súa infancia nun barrio de inmigrantes de Montevideo. Inicia estudos de Debuxo xunto ao seu amigo Raúl Pavlotzky na Escola de Artes e Oficios da Ensinanza Industrial e, entre 1938 e 1942, continúan a súa formación artística no Círculo de Belas Artes baixo a tutela de Guillermo Laborde e José Cúneo Perinetti. Coñece nunha exposición a Joaquín Torres García e en 1943 únese ao seu obradoiro, ao que estará vinculado ata a súa clausura en 1967; toma parte en cada unha das case cen exposicións que se realizan e diríxeo durante a súa última etapa. Realiza numerosas exposicións en Montevideo coa galería Bruzzone, e ao longo da súa traxectoria participa en diversas mostras en Arxentina, Colombia, Paraguay, Nova York, Madrid, etc. En 1991 é invitado pola Xunta de Galicia para realizar unha exposición en Santiago de Compostela e unha obra escultórica para os xardíns da Facultade de Economía. Foi galardoado, entre outros, co gran premio de escultura no Salón Nacional de Montevideo (1968), coa medalla de ouro no Salón de Primavera de Salto (1970) e no Premio Figari do Banco Central de Uruguay (1996), e a súa obra forma parte do acervo de museos uruguaios, arxentinos e españois, así como de destacadas coleccións privadas a nivel internacional.
Artista metódico e moi traballador, a súa primeira etapa pictórica enmárcase dentro do cubismo. Posteriormente convértese en fiel seguidor e discípulo de Torres García (creador do universalismo construtivo). As obras pictóricas de Pailós caracterízanse pola simpleza da súa estrutura compositiva; son representacións xeómetras planas nas que a influencia da Escola do Sur evidénciase nos motivos abordados máis ca na factura. A partir dos anos setenta evoluciona cara a unha diafanidade na formulación formal e cromática, e a un progresivo abandono do uso da dimensión áurea —que o distancian da parte máis sombría da metafísica torresgarciana, así como da rigorosidade canónica dalgúns dos seus postulados. A presenza de símbolos mariños, como un elemento de conexión con Galicia e a súa infancia, é recorrente na obra do artista. Realiza unha cantidade importante de murais e no campo escultórico traballa o ladrillo, o cemento e a madeira; a súa obra máis célebre é o prisma monumental de ladrillo instalado no Parque de Esculturas contiguo ao Edificio Liberdade de Montevideo.
A obra pictórica que forma parte da Colección Afundación presenta a estética construtivista vital característica do artista. O espazo atópase estruturado en múltiples bandas horizontais sobre as que se sitúan unha serie de formas vinculadas ao mundo marítimo e portuario (barcos, peixes, portos), combinadas cunha serie de grafismos que evocan a xeroglífica precolombina; elementos iconográficos, ambos, sumamente característicos do universo creativo de Pailòs que lle formulan ao espectador unha sorte de narración ou adiviña. O cromatismo é exultante; contrastan os vermellos, ocres, negros e azuis alternos do fondo que, coma se fosen un mosaico, compoñen unha obra de aparencia inxenua que goza dunha enorme plasticidade.
Bibliografía
PAILÓS, Xunta de Galicia. Consellería de Cultura, Santiago de Compostela, 1991.