PALMEIRO
Palmeiro Martínez , José
( Madrid, 19 de agosto de 1903 - Libourne, Francia, 15 de marzo de 1984 )
Biografía
A información acerca do seu lugar e mais a data de nacemento —dun modo xeral admitiuse Madrid e 1903— resulta en certo modo confusa; en palabras de Francisco Pablos: «El mesmo aludía ás súas orixes galegas dun modo un tanto vago». Os seus comezos pictóricos sitúanse en Barcelona cando contaba dezasete anos. Un ano máis tarde traballa realizando debuxos no diario El Sol. En 1925 instálase no barrio de Montmartre de París, onde coñece en 1926 un coleccionista danés que amosa interese pola súa pintura; con el asina un contrato que lle permite dedicarse de maneira exclusiva á práctica pictórica. En París establece amizade coa bohemia española —en especial con Celso Lagar, Óscar Domínguez e Ginés Parra— e intégrase na chamada Escola de París, na que figuraba un nutrido grupo de pintores españois. Así mesmo, destacadas galerías amosan un temperán afecto cara á súa obra, de maneira que realiza a primeira mostra en Francia na Galería Chéron; posteriormente traballará coa Galería Georges Berheim e máis tarde coa Galería do Elíseo, coa que expón na totalidade das exposicións do Grupo Español, entre os que se atopan Bores ou Picasso, que será o seu íntimo amigo.
A mediados dos corenta, inicia a etapa americana en América do Sur, expón en São Paulo ou en Bos Aires, entre outras cidades, e despois visita Estados Unidos, onde realiza mostras en destacadas urbes. Ao seu regreso a París cara á metade dos cincuenta, xa formaba parte do panorama artístico internacional, e realiza exposicións en París, Londres, Bos Aires, Nova York ou Chicago. Continúa a súa actividade expositiva en España, a partir dos setenta, en Madrid, Valencia, Barcelona, Santiago de Compostela ou Vigo, onde reside varios estíos. No período final da súa vida, alternou a residencia entre Madrid e París. A súa obra figura en coleccións de reputados museos de Vigo, Barcelona, París, Praga, Bos Aires, São Paulo ou Glasgow, así como en coleccións particulares de España, Europa e América. Así mesmo, foi nomeado Officier d´Académie polo goberno galo.
Na pintura dos seus inicios, adivíñase un vínculo con modos postimpresionistas que lembran a Cezánne —a quen admira profundamente— en numerosas representacións ligadas a Galicia; territorio que garda relación coa súa ascendencia e é recorrente no seu imaxinario. Posteriormente, déixase seducir polo poscubismo a nivel estrutural —xeometriza as formas— e camiña cara a modos fauve de acento lírico e carácter intimista. Cultiva, con grande encanto, delicadeza e refinamento, as temáticas da paisaxe, o bodegón —o tema floral é frecuente— e a figura, en composicións baseadas nun debuxo firme e un cromatismo que zumega vivacidade e lirismo, a través dunha certeira pincelada lixeira e ampla. Ademais da disciplina pictórica, tamén cultivou a litografía, sobre todo na derradeira etapa.
Cinco óleos sobre tea do autor forman parte da Colección Afundación. Nos dous bodegóns, os dous de 1942, representa decorativas xerras que albergan flores sobre uns espazos estruturados en diversas cores; amosa a súa linguaxe próxima ao realismo, coa cor, a forma e mais a luz como protagonistas. Nas paisaxes mariñas —recorrentes na súa produción—, datadas entre os anos sesenta e setenta, representa o sur de Galicia, especialmente recunchos da baía de Baiona e da ría de Pontevedra. Estas obras evidencian a súa posterior aproximación a un estilo neocubista, no que se impón a xeometría e unha visión sintética, con maior intensidade na obra máis abstracta do conxunto.
Bibliografía
-Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1975. -Waldemar, Georges: La peinture espagnole contemporaine. París, 1937. -Torre, Ezequiel de la: José Palmeiro. Buenos Aires, 1951. -Cassou, Jean: Art française d'aujour d'hui. París, 1960. -VV. AA.: Palmeiro. Rouen, Maurice Lecerf, 1974. -Areán, Carlos: Palmeiro. Madrid, Sala Monzón, 1975. -Campoy, A. M.: Palmeiro. Madrid, Sala Monzón, 1973. -Cognyar, Raymond: José Palmeiro. Madrid, Club Urbis, 1972. -Moreno Galván, José M.ª: Introdución a la pintura española actual. Madrid, Publicaciones Españolas, 1960. -Xuriguera, Gerard: Pintores españoles de la Escuela de París. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1974. -Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970. Pintores españoles de la Escuela de París. Vigo, Caixavigo,1992. -Raymond Cogniat no catálogo da primeira exposición de Palmeiro en España, no Club Urbis, Madrid, 1972; José Luis Morales e Marín "La Escuela Española de París", na presentación do catálogo da exposición "Pintores españoles de la Escuela de París", editado por Caixavigo, en 1992. -Raymond Cogniat no catálogo da exposición de Palmeiro no Club Urbis, Madrid, 1972; F. Pablos, "O secundario elevado ó protagonismo", na presentación do catálogo da exposición "Bodegóns e floreiros", reproducido co núm. 8.
Obra
-
Paisaje de la Ría de Pontevedra 1970
-
Vaso con anémonas 1942
-
Orillas del Rhin 1962
-
Náutico de Baiona 1970