PARADA JUSTEL
Parada Justel, Ramón
( Esgos, Ourense, 11 de marzo de 1871 - Ourense, 13 de mayo de 1902 )
Biografía
Este artista finisecular decimonónico é o broche da pintura da restauración borbónica en Ourense. Incluído polo artista Felipe Bello na Xeración Doente, afortunada denominación que se abre paso na historiografía artística desde 1922 fronte á da ‘triunfante’ dos Álvarez de Sotomayor, Llorens e Avendaño, concita desde entón arredor del, e dos coruñeses Ovidio Murguía, Joaquín Vaamonde e Jenaro Carrero, un sentimento de raíz romántica por falecer de tise cando tiñan arredor de trinta anos. Era Parada o maior entre eles, e tamén o que viviu máis tempo, pero alén da coincidencia temporal teñen escasas relacións. Parada Justel é, desde as súas capacidades naturais e as ensinanzas recibidas do bo pintor que foi Silvio Fernández, quen desenvolveu o historial de maior brillantez, aprobando co nº 1 e dezasete anos o exame de ingreso na Academia de Belas Artes de San Fernando, Madrid, onde realizou unha extraordinaria carreira con premio final en colorido. Viviu na capital do reino cinco anos, época da Serpe de bronce, copia da obra de Van Dyck do Museo do Prado, anos nos que fai retratos de empeño dos seus pais e amigos. Consérvase algunha obra relixiosa, caso de Xob no deserto, composición para unha obra maior, que amosa o profeta acompañado dos seus tres amigos. Daquela son dous retratos da súa nai, orando nun deles. Completa a súa formación en 1893 e 1894 na Academia española de Belas Artes de Roma, bolseiro da deputación ourensá, quen recibe A escrava de Nerón e Outra Helena pompeiana, obras máis na liña arqueolóxica de Alma-Tadema ca a naturalista e de pintura histórica do director Alejo Vera, expresión xa da súa imaxinativa creatividade. Ao seu regreso instálase en Madrid, con estudio nas Vistillas, e preséntase a Exposicións Nacionais. En 1899 consegue a Medalla de 3ª clase con Os satélites, na que xunta patriarcado e realismo social, obra recente do Museo de Ourense, que acrecenta así o legado do artista, doado en 1951 por Modesta, á súa irmá.
Este ano foi o punto de inflexión da súa carreira ao ser eliminado do concurso de Pensionado á Academia de Roma, do que se conservan o bosquexo A adoración dos Magos e A familia do anarquista no día da súa execución, unha extraordinaria posta en escena na que se aprecia a lección de Velázquez na que afondou estes anos, obra de temática ideolóxica con acento no drama familiar. Por ela ten un recoñecemento na bienal do Círculo de Belas Artes en 1900. En 1901 preséntase á exposición de 1901, e consegue por Recordo das xoias medalla de 3ª clase. Son anos de retratos, como o de Serafín Temes de 1900, intenso e psicolóxico, e composicións de invención, paisaxes de pequenos formatos, propias das saídas a plein air, en Madrid, Maceda, Esgos ou Ourense, onde falece de tuberculose en 1902.
Xabier Limia de Gardón
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981. -Lorenzo Rumbao, Belén: Parada Justel. Xunta de Galicia, Compostela, 1991. -Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976. -Pantorba, Bernandino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.