ANTÓN PATIÑO
Patiño Pérez, Antón
( Monforte de Lemos, Lugo, 1 de enero de 1957 )
Biografía
Desde a súa adolescencia reside en Vigo, onde se deixa seducir cando era moi novo polo universo literario e cultural; o seu pai era libreiro e estaba en contacto coa elite da cidade: Lugrís, Laxeiro, Celso Emilio ou Blanco Amor. As súas primeiras manifestacións artísticas desenvólvense no campo do deseño gráfico, a ilustración e as artes visuais. Empeza a expoñer a mediados dos anos setenta nas mostras da praza da Princesa e alí entra en contacto con artistas mozos; algúns acompañarano máis adiante en Atlántica. Neste período coñece os poetas de Rompente e a artista Menchu Lamas —que se converterá na súa parella. En 1980 viaxa a Nova York xunto con Lamas, Huete e Monroy, experiencia que catalizará a xénese de Atlántica, un movemento nado nos 80 co obxectivo de situar a arte galega no panorama internacional; é considerado como un dos alentadores da experiencia. A través de Atlántica e da súa estadía en Madrid —onde se licencia en 1979 en Belas Artes en San Fernando— irrompe no panorama artístico español. A súa obra percorre España e o resto do mundo en numerosas e significativas exposicións e feiras de vangarda e forma parte de famosas coleccións como a Colección de Arte Contemporánea La Caixa, MNCARS, CGAC, MEIAC, MACBA ou a de Artium, entre moitas outras. Activista cultural, paralelamente á súa faceta plástica desenvolve unha ampla actividade teórica: imparte conferencias e publica libros de poesía, ensaios e monografías de artistas. É considerado un dos artistas máis representativo das propostas galegas no panorama nacional dos anos oitenta.
A súa pintura cualificada polo crítico americano Donald Kuspit como «expresionismo conceptual» apela ao compoñente sensorial (sinestésico) da arte, e está marcada pola presenza simultánea do feito físico e poético, e pola confrontación de opostos (corpo-alma, pensamento-materia, natureza-cidade). As creacións dos 70 caracterízanse por propostas próximas ao expresionismo abstracto, con gran protagonismo do xesto, da forza expresiva e da intensidade da cor para evolucionar nos 80 cara á creación de series de gran formato cunha forte base conceptual. Na primeira metade desta década as súas obras miran cara á natureza e o primitivo. Así se caracterizan por unha intensa cor e unha marcada frontalidade. Pouco tempo despois, a súa pintura tórnase máis mental, fría e contida. Deste modo, imponse o signo ao xesto. O espazo adquire protagonismo como símbolo da infinitude e do baleiro. Este cambio débese ao descubrimento das novas posibilidades materiais e texturais, a materia tomará corpo e densidade. Resulta clave en Patiño a noción repetitiva, de modo que vai creando sucesivos símbolos persoais que irán paseniñamente poboando as súas composicións.
Na Colección Afundación figuran tres obras de grandes dimensións e técnica mixta. En Rostros (1984) —dúas caras esquematicamente representadas, a modo de máscara— invaden a superficie do cadro, simetría, frontalidade, xesto e unha paleta vibrante reforzan a sensación de primitivismo da composición, mentres que en Deserto (1987) se aprecia esa transición cara á superficie baleira cun interesante e rico xogo de texturas no que a materia adquire un papel protagonista. O elemento referencial redúcese ao mínimo a través das pegadas e dos fragmentos que quedan impresos nese deserto. En Escrita das árbores (1992) sobre un fondo matérico en tons verdes e ocres aparecen representadas esquematicamente dúas árbores que se conectan por un trazo vermello nunha composición de grande elegancia e cargada de significado que nos pon en conexión coa pintura oriental.
Bibliografía
CASTRO, I. de y BONET, J. M.: Antón Patiño. Huellas, Fundación Caixagalicia, A Coruña, 1992.
O ROSTRO do tempo, Concello de Vigo, Vigo, 1991.
ROMA Compostela, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1989.
PEREIRO, R.: Baiona horizonte atlántico, Vigo, 1992.