EDMUNDO PAZ
Paz Dacruz, José Edmundo
( Brasilia, Brasil, 1961 )
Biografía
Aínda que brasileiro de orixe, está totalmente vinculado a Galicia. Reside e crea en Arcade, Pontevedra. Comeza a expoñer a finais dos 80. Entre as súas mostras individuais destacan as realizadas na Sala de Arte de Caixavigo, en 1994; Rivas Briones, de Vilagarcía, 2012, a Casa das Artes de Vigo, 2018. Expuxo en diversas cidades de Galicia, en Portugal e en Cuba. Galardoado en varias ocasións, consegue o primeiro premio de pintura Eixo Atlántico ademais doutros, obtidos na modalidade fotográfica, que practica con éxito.
Supera xa as tres décadas de traxectoria artística, na que prima unha linguaxe conceptual e abstracta nas súas orixes, afianzada ao avanzar os anos. A súa evolución plástica sempre ten a paisaxe como referencia. Inventa novas formas de natureza, moitas veces recortada, fragmentada ou evocada. Intenta ir alén do que esta é capaz de suxerirlle. Alude tanto ao natural coma á paisaxe humana, suxeita á experiencia vital, froito dos seus percorridos.
O seu itinerario é moi coherente. Iníciase coa marca de Hernández Pijuan e a súa preocupación polo espazo visual ademais de romper a planimetría do cadro. Insire un vocabulario etnográfico con signos primitivos como círculos, segmentos de liñas rectas ou ángulos suspendidos sobre o leito pictórico, á maneira de Paul Klee ou de Mark Tobey. Na súa pintura conviven impresión e expresión, como se aprecia na serie Pinturas para Andrea. A Colección Afundación atesoura Sen título, 1999. Nela destacan sobre fondo monocromo signos impregnados de fluído pigmento. A temática alude a emocións e sentimentos xerados por capítulos tan intensos coma o nacemento da súa filla, nun proceso totalmente intuitivo. Practica unha pintura espontánea na que foi pouco a pouco (Paso a paso, 2008).
A relación co contorno sempre estará presente na súa obra, como en Un lugar concreto. Identificado só a través do título, o resto só é pincelada arrastrada, xeometrismo rigoroso. Títulos como A campo aberto, 2008, ensinan unha maneira de traballar o lenzo como o agricultor a paisaxe natural, sementándoa dos seus habituais meandros ou rastrexados pictóricos. Sucos que se fan icónicos na súa produción, espirais como as que forma o río ou lembrando os trazos que fai un pau rastrexando a area. Son formas simples debuxadas sobre cálidos campos de cor traballados por zonas a xeito de parcelas salpicadas tamén por imaxes biomórficas desprazándose pola superficie.
A partir de 2017 nas súas creacións, aínda que evolucionan sen romper co anterior, aprécianse xa cambios significativos. Edmundo Paz elimina calquera estrutura parcelaria no lenzo en beneficio de vibracións, ritmos, ondulacións intermitentes ou sutís estratos horizontais. Decántase pola pintura all over de Pollock sobre toda a superficie.
A súa obra simplemente existe como presenza, fíxose máis atmosférica, eliminando ataduras. Quedou coa pel da pintura, resolta de maneira máis non obxectiva ca nunca. Recorda a Richter fusionando procesos e servíndose da mancha e da falta de definición para alterar a visión. Pintura auténtica que embriaga o espectador polas gamas exaltadas, augadas, transparentes e de fluidez tímbrica. As súa obras atordan, porque son efluvios de boa pintura que non obedece a modas nin a seguir a tendencia do mercado senón só á súa demanda interior, relativa exclusivamente á propia creación.
Fátima Otero
Bibliografía
MÁS IBÁÑEZ, R.: Namorados, Caixavigo e Ourense, Vigo, 1999.