MANOLO PAZ
Paz Mouta, Manuel
( Castrelo, Cambados, Pontevedra, 1957 )
Biografía
“Cando era un meniño quería ser escultor ou toureiro”, manifesta Paz nas súas entrevistas. Desde mozo xoga a crear xoguetes cunha navalla e, posteriormente, tallas e figuras humanas. Tras as figuras, que realiza incansablemente durante a súa formación artística, entre 1978 e 1979, na Escola de Artes e Oficios de Santiago, chegan unha serie de colaxes dadaístas. En 1980 incorpórase como profesor de Escultura á Escola de Canteiros de Poio. Empeza a súa actividade expositiva na V Bienal Internacional de Arte de Pontevedra en 1979, e realiza a primeira individual na Galería Santa Cecilia de Marín. En 1983 viaxa a Nova York onde descobre as novas tendencias artísticas, experiencia que será decisiva no seu traballo. En 1984 empeza a expoñer con Fernando Vijande en Madrid e intégrase nos circuítos nacionais de arte, participa en feiras e colectivas no estranxeiro; chegará a exhibir a súa escultura en Nova York, Alemaña ou Xapón, entre outros lugares. En 1992 obtén a bolsa de creación artística Unión Fenosa, e reside durante dous anos en Nova York. Realiza múltiples obras públicas, tanto en España coma fóra, entre as que destaca Familia de Menhires (1994) (conxunto escultórico de doce pezas situado na Coruña). En 2011 é nomeado académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes, obtén o Premio da Cultura Galega de Artes Plásticas e o Premio Ramón Cabanillas. A súa obra figura en museos e coleccións institucionais de Galicia, resto de España e diversos países estranxeiros, así como en numerosas coleccións privadas. En 2010 crea a Fundación Manolo Paz Arte Contemporáneo na súa terra natal.
Os seus primeiros traballos, de estética industrial, reflexionan sobre cuestións relacionadas co espazo. Cando regresa da primeira estadía en Nova York, pasa “do satélite ao monólito”, segundo as súas propias palabras; detén a mirada na terra e na súa vinculación coa paisaxe. Desde entón, céntrase no valor do autóctono, dos seus símbolos, do seu material —a pedra, o granito, material predilecto pola súa proximidade ao contorno— e no diálogo entre esta e a memoria do lugar onde se vai situar. A partir de 1986, as súas esculturas adquiren maior verticalidade, a modo de tótems, e a pedra entra en combinación coa madeira. A comezos dos noventa, o xogo de equilibrios, tensións e volumes adquire protagonismo. Na segunda estadía neoiorquina empeza a realizar esculturas ensambladas de base xeométrica e construtivista, con toques neopop. Explora o metal e traballa coa ensamblaxe orgánica das estruturas fragmentadas de granito. Co paso dos anos, a súa escultura depúrase grazas a avances na representación xeométrica, que combina de forma maxistral co ancestral.
Nas sete esculturas da Colección Afundación apréciase esa “fe na pedra e deixar que ela fale de seu” que manifesta Paz. Nas pezas de 1995 e 1996 establece un xogo de volumes, texturas e cores. Menhir (1996) remite ao seu célebre conxunto da Coruña. Árboles de pedra I (1998) evidencia a súa fascinación pola xeometría natural, é unha peza de gran sutileza na que mediante un anaco de madeira e varios de cuarcita constrúe a forma suxerida dunha árbore. Nas obras posteriores apréciase o abandono do oco para traballar máis co sólido; en Cachupins (2002) e Altair (2003) laxas de pedra conforman formas ovoides. Campo de arroz (2007) é unha obra que evidencia a influencia asiática, cunha forma que lembra un pagode e que obriga o espectador a rodealo.
Bibliografía
Coincidencias. Xunta de Galicia, 1994.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1989.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Revisión dunha década 1978/1988. Santiago, 1990.
Johan Galtung "Reflexións sobre a violencia para construír a paz", capítulo II do catálogo "Construír a paz, Cultura para a paz", Edicións Xerais 1996, reproducido na p. 149.