PEDRO CALAPEZ
Calapez, Pedro
( Lisboa, 1953 )
Biografía
Por influencia familiar cursa estudos de Enxeñería Civil (1969-1974), etapa na que descobre principalmente a fotografía ─asegura: «Foi realmente coa fotografía co que empecei a desenvolver o traballo»─, e comeza así mesmo a realizar debuxos e pinturas. Por mor do seu descubrimento do que denomina o «feito visual», inicia a súa formación na S.N.B.A. (Sociedade Nacional de Belas Artes) da súa cidade natal (1972-1975), que completa cos estudos de Pintura na Escola Superior de Belas Artes de Lisboa (1976-1981) ─que non chega a finalizar e que compaxina co seu traballo como fotógrafo profesional e cunha intensa actividade na movida portuguesa─. Comeza a súa actividade expositiva de maneira colectiva no campo fotográfico nos setenta, e realiza en 1982 a súa primeira individual en colaboración coa súa amiga, Ana Léon, na Galería Diferença da súa cidade natal, que obtén unha gran acollida. Desde entón, expuxo o seu traballo en numerosos e destacados foros internacionais. Obtivo diversos galardóns, entre os que cabe destacar o Premio Unión Latina (Lisboa, 1990), Premio de Deseño da Fundación Pilar i Joan Miró (Mallorca, 1994), Premio Ciutat de Palma de Pintura (1999), Premio de Pintura EDP (Lisboa, 2001), o Premio Nacional de Arte Gráfica da Real Academia de Belas Artes de Madrid (2005) ou o Premio AICA (Asociación Internacional de Críticos de Arte - sección portuguesa, 2005). Así mesmo, no ano 2012 recibe o Grao de Comendador da Ordem do Infante D. Henrique. A súa obra atópase representada en destacadas coleccións como a do Museo Serralves no Porto, Fundación Gulbenkian de Lisboa, Chase Bank de Nova York, MNCARS, Colección Aena de Arte Contemporánea, CGAC ou a da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e tamén realizou destacadas obras públicas, fundamentalmente na súa Lisboa natal, e escenografías para diversas obras de teatro.
Expoñente clave da pintura contemporánea lusa ─tamén cultiva o gravado─, a súa linguaxe artística está focalizada na pintura, sobre diversos soportes ─principalmente o aluminio─, e no desafío dos seus límites, de tal forma que adapta este medio a un formato tridimensional en instalacións dominadas pola fragmentación; mostra unha preferencia polos polípticos ─de cromatismo múltiple, vivo e contrastado, nos que as texturas resultan fundamentais─, que evolucionan desde unha xeometría ortogonal cara a formas máis orgánicas. Apaixonado dos cómics, en concreto dos seus escenarios, o espazo constitúe unha das súas preocupacións fundamentais, ─afirma: «Para min a pintura é espazo»─, así como a mirada ─asegura: «Creo que a obra deber ser aberta… Debe permitir múltiples interpretacións e como tal múltiples discusións»─, e a paisaxe, ao que alude desde unha visión articulada e fragmentada. Así mesmo, confésase admirador do abstraccionismo, do expresionismo abstracto americano ─da Color Field─ e do informalismo europeo, e identifícase co concepto de «pintura expandida».
Na obra Asa 06 (2008) que integra a Colección Afundación, compón un políptico a través de doce paneis rectangulares nos que establece uns complexos diálogos cromáticos de cores intensas, sobre o soporte de aluminio, que nacen da planificación; no seu proceso artístico, de carácter construtivo, apréciase a influencia da Bauhaus. Dispón os diferentes paneis de tal forma que establecen uns ritmos e contrastes de gran riqueza de significados; sostén Calapez: «As obras que son conxuntos de paneis pintados pretenden reconstruír o proceso da memoria, refacer un cadro en base a fragmentos. Cada panel pode ser visto illadamente pero algo distinto xorde da confrontación cos seus veciños. Coa distancia, a mirada topa coa totalidade dos fragmentos coma se dunha única obra se tratase».
Bibliografía
LA COLECCIÓN. Colección de pintura contemporánea internacional, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 2011, pp. 112-115.
SANTOS, F.: “Entrevista: Pedro Calapez” en Revista Aena 39, Fundación Aena, Madrid, 2015, pp. 64-74.