JOSÉ LUIS PENADO
Penado Gómez, José Luis
( Pontevedra, 1928 - 2016 )
Biografía
Unha longa andadura artística e intelectual hai neste escultor, antes de chegar á obra propia, creativa, na que sabe uni-la tradición e a modernidade. Desde a súa xuventude únese a movementos artísticos, musicais e plásticos. Asiste a clases de debuxo e pintura con Castelao e Laxeiro, os que dalgunha maneira marcan ou, mellor, afirman a súa vocación plástica. A estancia en Madrid para cumpri-lo servicio militar permítelle achegarse a exposicións e acontecementos artísticos daquela por completo afastados das provincias españolas. Alí verá por primeira vez primeiras obras de artistas como Julio González, que orientarán o seu propio concepto da escultura. Na década dos cincuenta emigra a Venezuela. Traballa no ramo da metalurxia, que lle permite achegarse a técnicas ata entonces descoñecidas por el, e aprende o oficio, esa artesanía imprescindible no escultor, desde o cicelado á soldadura e os resultados de martelar e conforma-la chapa de ferro. A súa inquedanza lévao a participar intensamente en actividades plásticas organizadas pola Casa de España en Caracas. Retorna a España en 1965 e instálase de novo na súa cidade natal. Dous anos máis tarde realiza a súa primeira exposición na Sala de Información e Turismo, entonces máximo atractivo da vida artística pontevedresa. Os seus traballos son personaxes da cidade, vistos desde unha óptica personalísima, que chaman a atención e proxectan o seu nome, ata entonces descoñecido. A partir desta data, as súas mostras sucédense en Madrid, Vigo, Ourense, Salamanca, Valladolid, Sevilla, Barcelona, Pamplona. Realiza pezas para diferentes templos de Galicia, para institucións públicas, e chega ós museos de Pontevedra e Taurino de Pamplona. Recibe os premios Meigas e Trasnos de Sarria, en 1975, e o primeiro do Concello do Grove, en 1981. A súa cidade natal distíngueo en 1996 co título Amigos de Pontevedra, en recoñecemento ó seu labor. Penado comezou traballando a madeira e despois entregouse por completo ó ferro. A partir do popular, consegue unha obra expresiva e elementalizada, de intenso dramatismo, vital. Latexa nela, moi longa tradición, que soubo asumir desde a súa propia personalidade, dado o seu carácter observador e reflexivo. Sabe que, como esixía Eugenio d=Ors, a anécdota é preciso elevala de categoría, de maneira que o ocasional, o folclórico, adquira transcendencia e perennidade. Desde a Grecia arcaica a Rodin, e máis aínda, o xa citado Julio González, latexan na obra do pontevedrés, que, digámolo así, humaniza a chapa de ferro e incorpora ó seu mundo texturas ásperas, arestas provocadoras, oquedades. A vitalidade está sempre presente e consegue transcende-lo circunstancial. Seguro que aínda chegará a pezas máis persoais, a medida que vai xa espindo a súa obra de todo o aleatorio; de canto ese oficio e esa artesanía ben aprendidos, vaian pesando menos no seu quefacer creador.
Bibliografía
JOSÉ Luis Penado. Ideas soldadas, Museo de Pontevedra, Pontevedra, 2014.
JOSÉ Luis Penado, Xunta de Galicia, Secretaría Xeral da Presidencia, Madrid, 1996.