BENIGNO PEREIRA BORRAJO
Pereira Borrajo, Benigno
( Vigo, 1874 - 1961 )
Biografía
Artista nado en Vigo, desde moi temperá idade manifestou a súa paixón polo debuxo. Formouse en Madrid, onde foi discípulo do soado pintor valenciano Joaquín Sorolla, e, segundo sinala Bernardino de Pantorba, concorreu ás Exposiciones Nacionales de Bellas Artes de 1904, 1906 e 1908, nas que obtivo en todas elas mencións de honra. Así mesmo, presentou a súa obra con éxito ─as súas paisaxes foron eloxiados─ na Exposición de Arte Gallego que tivo lugar en 1912 en Madrid. A súa obra foi exhibida en repetidas ocasións en Galicia, Madrid e Sudamérica. Entre 1933 e 1936, colabora como debuxante nas publicacións Monos e c; tamén realizou carteis e foi pintor de frescos nos teitos altos do Hotel Moderno de Vigo, cando este foi adquirido por Cesáreo González. Atópase representado, entre outras, nas coleccións dos museos de Pontevedra e no municipal Quiñones de León de Castrelos na súa cidade natal, e resulta ineludible en calquera antoloxía de pintura galega posromántica e realista. O certo é que inxustamente caeu un tanto no esquecemento e agora comeza a ser rescatado da sombra por méritos propios.
A súa obra marcada pola influencia de Sorolla, seguiu modos tradicionais da pintura francesa, en especial de Monet e Sisley e caracterízase polo seu tratamento da luz e da cor, así como pola súa boa factura. Adscrito ao impresionismo, e ás veces próximo ao costumismo imperante na súa época, foi un bo retratista de, entre outros, personaxes políticos e literarios da súa época, cun valor documental ademais de plástico, destacando así mesmo na temática da paisaxe. Nos seus lenzos representou recunchos urbanos e marítimos de Galicia, particularmente de Vigo; son soados as súas vistas do porto pesqueiro vigués do Berbés, que tamén retrataron Maristany e Gil de Vicario.
Na Colección Afundación achamos un óleo sobre tea de grandes dimensións datado en 1904. Trátase dunha escena de interior na que representa a dúas irmás que pousan sentadas na sala de estar dunha vivenda que se atopa iluminada por unha xanela nun dos laterais, xunto a un moble sobre o que repousa un vaso con hortensias. As irmás móstranse elegantes e con sobria compostura e vestimenta tradicional, aínda que o autor dá signos de atrevemento no xogo da luz, cos efectos dos contraluces ─una delas aparece de costas en diagonal ao foco de luz e a outra ensombrecida─ que aprendeu do seu mestre Sorolla, e o encadre da escena. A pincelada é impresionista e o cromatismo dominante é máis ben escuro, cunha luz branca e pura que destaca e entra con forza pola ventá.
Bibliografía
ASÍ nos ven, así somos? A imaxe da muller na arte, Servizo de Muesos Municipais, Concello de Vigo, Vigo, 2015.
DA fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936, Fundación Novacaixagalicia, A Coruña, 2012.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, Jesús Ramón García Rama Edit., Madrid, 1980.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.
PABLOS, F.: Colección de Arte Galega, Museo Quiñones de León, Vigo, 1995.