PAMEN PEREIRA
Pérez Pereira, María del Carmen
( Ferrol, 1963 )
Biografía
O seu nome completo é María del Carmen Pérez Pereira, se ben no mundo da arte é coñecida como Pamen Pereira. Cursou a carreira superior de Belas Artes na Escola de San Carlos en Valencia, durante os anos 1981 a 1986. Case inmediatamente a súa obra comezou a interesar en ámbitos institucionais, e foi obxecto en 1990 de bolsa-axuda á investigación de materias plásticas da Deputación provincial de Zaragoza. En 1991 foi accésit no primeiro certame de Pintura Fundación Nueva Empresa e ó ano seguinte premio no VII certame de Pintura Villa de Tauste, bolsa de arte Mojácar e accésit no premio Isabel de Portugal. En 1995 foi distinguida cun dos galardóns máis desexados polos novos artistas, a bolsa de Unión Fenosa, mostras ás que concorrera en edicións anteriores, en 1995, o que lle permitiu residir e traballar en Xapón durante o bienio 1996-1997. Foi seleccionada para traballar nos talleres de arte Lucio Muñoz, do Círculo de Bellas Artes, os anos 1989-90, na Quincena d´Art Montesquieu, en 1989, e no Julián Schanabel, do citado Círculo de Bellas Artes, os anos 1990 e 1991. Comezou a expoñer individualmente en Valencia, en 1987, e realizou exposicións en cidades de toda España. Tamén amosou a súa obra en países de Centroeuropa. Especialmente destacada foi a súa exposición en Suíza, titulada AHeisses Vasser für den Tee@, en 1996. En exposicións colectivas, a obra de Pamen Pereira percorreu numerosas cidades. Especialmente importante foi a súa participación na denominada “Trazos e camiños”, do Plan Cultural Xacobeo, en 1993, que percorreu tódalas cidades de Galicia, coas máis importantes figuras da plástica do noso país. A pintura de Pamen Pereira posúe unha personalidade inconfundible. Partindo de referencias concretas, ás veces pormenores anatómicos e vexetais, elabora e recrea desde a máis rigorosa abstracción, enfatizando o aparentemente secundario, desde un concepto que indubidablemente ten a súa raíz na estética surrealista. A morbidez dunha folla verde, a peculiaridade morfolóxica do cerebro, a danza dunha espora vista ó microscopio de grande aumento, son esas referencias para situalas a artista nun ámbito propio, de sobrio cromatismo ou de forte contraste entre carmíns e negros como sobados. Ás veces idea espacios imposibles, puramente oníricos, oclusivos e obsesionantes, só posibles nunha mente esquizoide. E sobre eles razoa e consegue texturas de asperezas e grosores preocupantes. Dalgunha maneira, esta pintura emparéntase coa literatura fantástica que vai de Kafka a Lovecraft. Ou arranca do surrealismo aparentemente inxenuísta de Odilon Redón, para que criaturas aparentemente fetais se aloxen nun imposible claustro materno. O lume monocromático pode rodear obxectos como un piano. Nun pavimento axadrezado inscríbese, de pronto, o fragmento dun rostro de mirada sostida e inquisidora, coma se emerxese do subsolo. En definitiva, un mundo vario, rico, persoal, no que a realidade está trascendida e volta do revés, para amosárno-lo misterio que contén.
Bibliografía
-VVAA na presentación do catálogo da exposición de Schaffhausen; M. Fernández Cid, "Pamen Pereira, imágenes de humo", ABC das artes 14/6/96. -VV.AA.: Catálogo da mostra “Heisses Wasser für den Tee”. Schaffhausen, 1996. -III Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1993. -Trazos e Camiños. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1993.
Obra
-
Vía Crucis 1993
-
THIS IS A LOVE STORY 2009
-
Bosque de humo 1996
-
Vista Isométrica de la Antártica. Vista desde el Mar de Ross 2006