ELSA PÉREZ VICENTE
Pérez Vicente, Elsa
( Buenos Aires, Argentina, 1927 )
Biografía
Estaba sentindo, vivindo España, e, en concreto, Galicia no fogar que creara co pintor vigués Antón Abreu, mentres vivían e respiraban en mundos arxentinos. Formouse no taller de Urruchúa, arxentino, si, pero de clara orixe vasca, coma Elsa de Andalucía. Traballa con pintores coñecidos, Ernesto Deira, Ezequiel Linares e Carlos Cañás. A súa influencia galega é patente, pois Antón lembra a cotío o país da súa nenez, que, como di Rilke é a patria do poeta; e Elsa é poesía en liña. Laxeiro fálalles de Galicia, o mesmo ca Blanco Amor e Luis Seoane. Cunha calidade de debuxante realmente sorprendente, así como un sentido plástico de irrenunciable raíz lírica, Elsa Pérez Vicente chega a España en 1973. Realiza unha primeira exposición con debuxos de touros nos que o tópico foi anegado pola plasticidade, pola beleza esencial, entre razoada e violenta na desaparecida librería Curros Enríquez de Vigo. Fai retratos ó pastel e sorprende a elegancia, deliberadamente decadente, como intemporal dos ambientes que crea. Cultiva un surrealismo moi persoal, coma se de pronto esa caixa que temos todos nalgún moble esquecido, nun recuncho do faiado, volcase tódalas vellas fotografías que, coma se fosen cromos revoltos dun álbum nunca formalizado, se amorean encol dunha mesa cuberta cun mantel de gancho, primoroso de ocos incorporados ó tecido. Hai rostros de mirada alucinante, ollos sen cara, bocas de grito afogado; hai mans que suplican, imploran, xesticulan; hai flores murchas e obxectos sen tempo. Hai recreacións velazqueñas, goiescas en rosas, azuis, carmíns coma botóns de sangue que xorden trala dor sorpresiva dun pinchazo da nena que bordaba e tiña un alfineteiro de veludo e un costureiro de taracea e incrustacións de carei. Hai un mundo propio, inconfundible na arte de Elsa Pérez Vicente, con música, danza, coa estructura equilibrada de Bach e mais coa ledicia infantil e xenial de Mozart. O pastel, o lapis, tan aparentemente caducos, cobran permanencia armándose de consistencia interna. Cando Elsa retrata, realmente analiza, profundiza, penetra literalmente na psicoloxía do seu modelo e dános non a súa morfoloxía, a súa apariencia exterior, senón a súa vida enteira nunha imaxe: rostro, mans, actitude. Cando retratou a Celso Emilio Ferreiro, cabeza tallada a trazos, ollos de boi manso, bigote gauchesco, nese retrato estaba a vida do poeta, a súa longa Noite de Pedra e a súa negativa Viaxe o país dos ananos. O Museo de Vigo garda a súa obra; tamén lle interesou a outras pinacotecas e coleccións de Galicia. As exposicións de Elsa Pérez Vicente son escasas pero cada unha delas supuxo sempre un acontecemento.
Bibliografía
ASÍ nos ven, así somos? A imaxe da muller na arte, Concello de Vigo, Servizo de Museos Municipais, Vigo, 2015.
ELSA Pérez Vicente, Xunta de Galicia, Casa de Galicia en Madrid, Madrid, 2013.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
TRES flores, tres pastoras, allá lejos, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 1987.