ISAAC PÉREZ VICENTE
Pérez Vicente, Isaac
( O Rosal, Pontevedra, 1955 )
Biografía
O movemento artístico de Vigo atrae a moitos xoves artistas galegos que se establecen na cidade atlántica. Pérez Vicente é un deles, aínda que se trata dun temperamento inquedo e, en consecuencia, viaxeiro. A súa primeira exposición, á precoz idade de quince anos, realizouna en Pontevedra en 1970. Hai despois un case longo silencio ata que, ó comenza-los oitenta, as mostras sucédense en cidades de Galicia, en Madrid e Barcelona. Outro tanto acontece coas colectivas, desde a súa primeira aparición na desaparecida Galería Novecento de Vigo. Acode ás Bienais de Pontevedra, á de Vilanova da Cerveira, en Portugal, e a outras en cidades importantes de España. A personalidade inqueda deste artista lévao a ensaiar diversos modos de expresión que van desde o deseño cerámico e o gravado, no que traballa en Suíza no segundo quinquenio dos oitenta, ata a creación de ámbitos para programas de televisión. En 1985 consegue unha bolsa de estudios da Xunta de Galicia e en 1990 o primeiro de deseño de Sargadelos experiencia de considerable importancia na súa traxectoria artística. Así, chega ó Museo Maside de Sada. Participa nas mostras de Unión Fenosa, nas que se lle adquire a obra. Tamén está representado na Casa de Galicia de Madrid e en coleccións institucionais do noso país. É moi rigoroso á hora de escoller sala para as súas exposicións persoais, dado o seu vangardismo indeclinable, incapaz de se identificar cos gustos das maiorías. Pérez Vicenti é un artista multiforme, cunha clasificación imposible, sempre atento á vangarda máis estricta, se ben as súas incursións responden a unha seria meditación dos modos imperantes en cada momento e habitualmente moi fugaz. É imaxinativo,con frecuencia sorprendente, explosivo deica a aparente agresión ó espectador coas súas formas.
Bibliografía
VV. AA.: Nordesía, Centro Conde Duque, Madrid, 1995.
O ROSTRO do tempo. Vigo, 1992.
II MOSTRA Unión Fenosa. A Coruña, 1991.