VILLAAMIL
Pérez Villaamil Duguet, Jenaro
( Ferrol, 3 de febrero de 1807 - Madrid, 5 de junio de 1854 )
Biografía
De biografía nitidamente romántica, Villaamil tivo unha inicial formación en Santiago de Compostela co seu pai, mestre de fortificacións, topografía e debuxo. Despois de vivir en Madrid coa familia, aos dezaseis anos alistouse para frear a invasión absolutista dos Cen Mil Fillos de San Luís en 1823. Ferido, feito prisioneiro e levado a Cádiz, a súa catividade non lle impediu realizar estudos de pintura na academia desa cidade e cando quedou libre en 1830 marchou a Porto Rico onde realizou decoracións teatrais.
O período de vida do noso artista coincide co auxe da burguesía, que tenta por medio da arte, en especial da pintura, representar a súa imaxe como clase, xa que non se sente identificada coa que proxectan os sectores ligados ao Antigo Réxime e quere, ao mesmo tempo, transmitir a súa visión ao conxunto da sociedade, co claro obxectivo de crear unha imaxe burguesa. Neste sentido o artista, de fondas conviccións liberais, defende este espírito renovador tamén no político.
Unha das manifestacións desta nova sensibilidade será a pintura de paisaxe —á que se adscribe Villaamil—, un fenómeno relativamente novo na arte, que como tema de debate teórico gañara protagonismo no XVIII coa sensibilidade prerromántica do pintoresco e do sublime, e que atinxe unha nova dimensión no século XIX, en especial no ambiente artístico e intelectual que o romanticismo favorece. Daquela, a paisaxe convértese en instrumento para expresar un sentido da relación do home co mundo externo como produto dun estado de ánimo interior que se proxecta sobre unha realidade concreta.
Nesta liña, a obra do noso artista é reflexo fiel da evolución cultural do seu tempo. As súas románticas paisaxes están inspiradas na pintura nórdica, carentes os contextos galego e español dunha tradición paisaxística.
Nunha primeira etapa, a súa obra é aínda prerromántica. Inicialmente, os seus cadros de paisaxe sitúanse entre o soño e a fantasía arquitectónica, aínda cun pé no século XVIII, mais xa cun ideal cultural de matriz vivencial, como se pode ver en obras como Solpor e fantasía nun país imaxinario (1827).
A partir de 1833 —sen dúbida debido ao seu encontro co pintor escocés David Roberts (1796-1864) ao que coñece en Sevilla— realiza un paisaxismo no que se percibe o interese polos temas exóticos, o gusto polo afastado, polos monumentos, polo mundo medieval, marcadamente romántico e literario (Portada de catedral gótica, 1840; Castelo de Guacín, 1848). Romántico é tamén o seu luminismo que lembra moito o do seu mestre e amigo David Roberts e que nos trae ecos doutros artistas británicos como Turner.
Moi representativas do seu labor son as litografías de La España artística e monumental, gran proxecto editorial que el mesmo dirixiu, como Porta do Sol en Toledo (1840). Son testemuño do interese do artista pola captación de paisaxes e monumentos, que encaixa no cadro do ollar pintoresco e romántico a respecto da realidade española, moi do gusto dos viaxeiros estranxeiros, en especial británicos.
Carlos L. Bernárdez
Bibliografía
ARIAS ANGLÉS, J. E.: J. Pérez Villaamil, Edit. Atlántico, A Coruña, 1980.
BAUDELAIRE, Ch.: Escrits sur l'Art, Edit. La Pleyade, París, 1971.
BARÓN, J.: Genaro Pérez Villaamil. Díptico con vistas de ciudades españolas, Museo del Prado, Madrid, 2014.
ARIAS ANGLÉS, A. E.: J. Pérez Villamil, Atlántico S. A., A Coruña, 1980.
BERUETE, A.: Historia de la pintura española del siglo XIX, Madrid, 1926.
CONSUELO BOUZAS, J.: La pintura gallega, Porto, A Coruña, 1950.
ESPAÑA artística y monumental. Vistas y descripción de los sitios y monumentos más notables de España, Hanser, París, 1842.
GAYA NUÑO, J. A.: Arte del siglo XIX. Ars Hispaniae, Edit. Plus Ultra, Madrid, 1966.
LAFUENTE FERRARI, E.: Breve historiade la pintura española, Edit., Tecnos, Madrid, 1953.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Vigo, Caixavigo, 1981.
JENARO Pérez Villaamil, 1807 - 1854. Óleos, acuarelas, dibujos y litografías, Fundación Caixa Galicia, Santiago de Compostela, 1996.
JENARO Pérez Villaamil. Exposición antolóxica. Óleos e debuxos, Concello de Ferrol - Fundación Caixa Galicia, Ferrol, 2007.
RAFOLS, J. F.: El arte romántico en España, Edit. Juventud. Barcelona, 1954.
SEOANE, L.: Jenaro Pérez Villaamil, Edic. Galicia, Buenos Aires, 1954.
Obra
-
Puerta de la sala capitular de la catedral Toledo 1842
-
Puerta del sol de Toledo 1840
-
Patio del Palacio Arzobispal de Alcalá de Henares 1840
-
Paisaje 1833