JORGE PERIANES
Perianes, Jorge
( Ourense, 1974 )
Biografía
Estuda na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde obtén a licenciatura no ano 2000. Cursa os estudos de doutoramento no Departamento de Pintura no mesmo centro durante os dous anos seguintes, e realiza a tese El surrealismo. La violencia en el erotismo y la sexualidad: la fragmentación humana, que inflúe de maneira notable na súa obra plástica. Esta temática lévao a realizar exposicións en espazos ligados ao surrealismo, como a Sala de Proxectos da Galería Fúcares de Madrid (2006) ou a Fundación Granell de Santiago de Compostela (2009). Nese mesmo ano de 2009 participa na colectiva de Caixanova A arte da semellanza.
A artista obtén a bolsa de creación artística no estranxeiro Unión Fenosa, que lle permite combinar estancias en Berlín e Londres. Na actualidade vive e traballa entre Vigo e Madrid. Realiza numerosas exposicións tanto en España coma no estranxeiro, e participa en reputadas feiras como ARCO, Art Basel, Pulse, Volta ou Zona Maco. Foi galardoado, entre outros, co Premio Extraordinario 25 Anos de Enerxía Creativa do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa da Coruña, co premio adquisición da VIII Mostra Unión Fenosa e co V Premio Auditorio de Galicia. A súa obra encóntrase representada en destacadas coleccións de arte contemporánea como a Colección Coca-Cola, Colección DKV ou a Colección Würth España, e en institucións como o MUSAC, CGAC, Deputación da Coruña ou a Fundación Barrié de la Maza.
Jorge Perianes é unha artista cuxa produción se move entre o pictórico, o escultórico e a instalación, e cuxa intención conceptual é, en palabras do autor, “analizar en qué se basa la mente humana para idear elementos, cuáles son sus motores, así como el por qué y el cómo de una interpretación de lo real”. A metáfora e a ironía, símbolos en aparencia distantes, únense na súa obra, marcada pola presenza dunha iconografía infantil, para buscar novos significados ou saídas ao mundo. A través das súas pezas, narrativas e figurativas, intenta amosar realidades enmascaradas. Xoga constantemente coas dobres lecturas e recorre habitualmente á natureza para achar a orixe da nosa simboloxía; encontra inesperadas conexións. O personaxe, ben sexa obxectual ou animal, aparece sempre como substituto do home ausente e como introdutor do espectador na escena; tópase co indeterminado e súmeo nunha ambigüidade inquietante e perturbadora de sentimentos contrarios ante o absurdo e ilóxico.
Dúas pezas do artista ourensán integran a Colección Afundación. En Sen título (2004) un pequeno paxaro aparece destruíndo o pedestal que soporta a súa caseta ou a doutro paxaro, un suposto “fogar” onde estes animais están condenados a vivir enclaustrados. En Sen título (2007) Perianes inspírase en catálogos vitorianos de botánica, e presenta un cadro, no que aparecen representadas unhas belas flores, que está sendo devorado por numerosos insectos. Os insectos están relacionados coa terra, coa morte, e por outro lado, coa botánica é coa vida en movemento; establece un diálogo entre opostos, moi habitual na súa produción. Unha peza que exemplifica a visión de “planta carnívora” que ten o autor da súa propia obra: “su engranaje interno es muy similar a las flores o plantas carnívoras. Son estructuras que te acercan a una historia que en realidad es más cruel o cruda de lo que parece”. O colorido das súas pezas, plano e intenso, e a beleza estética das composicións, reforzan o carácter inxenuo ou infantil inherente á súa obra que contrasta coa rotundidade do seu discurso, que encerra unha esencia enigmática, melancólica e tráxica.