PESQUEIRA
Pesqueira Salgado, Manuel
( Lantañón, Paradela, Meis, Pontevedra, 7 de diciembre de 1911 - Pontevedra, 7 de febrero de 1988 )
Biografía
Nado no vizoso val do Salnés, desde o inicio da súa formación na Pontevedra da época da República e con Castelao como profesor de debuxo, Pesqueira lígase ao Movemento Renovador da Arte Galega —os chamados Os Novos— (Torres, Laxeiro, Maside, Colmeiro, Souto...). Esta relación marcará a conformación formal e temática do pintor, no ámbito da denominada “estética do granito”, desenvolvida nun contexto en que moitos artistas galegos querían recoller un modelo de arte que combinase fórmulas innovadoras con elementos do carácter popular e etnográfico, elaborando escenas nas que enxalzaban os caracteres locais: paisaxe, construcións, tipo físico... Este camiño é o escollido por Pesqueira para erixir a especifidade dunha consciencia vernácula, que ten na arte popular, no románico e no barroco os referentes, con evidente influxo inicial da obra de Manuel Torres e de Laxeiro, ambos artistas figuras senlleiras na Pontevedra dos primeiros anos de actividade do noso pintor.
Despois da Guerra Civil, na que o noso pintor perde o brazo dereito na fronte de batalla, asistimos á creación das súas primeiras obras relevantes, traballos dunha esgrevia expresividade. Son pinturas achegadas en especial á obra de Torres e tamén cun referente escultórico notable. Asemade, podemos recoñecer xa esas figuras populares que encherán o seu mundo pictórico de xeito permanente para o que empregara unha paleta de tons terrosos e escuros, traballados con densidade áspera, ao servizo dun mundo con moito de antropolóxico. Pesqueira teralle unha lei completa a esta linguaxe e temas, con fortes doses de expresionismo.
A visión de conxunto da súa obra evidencia a absoluta coherencia do seu proceso pictórico, fiel aos mesmos principios figurativos e aos mesmos motivos temáticos, que constitúen auténticas series. Reelabora temas populares, en ocasións cunha rotundidade de tallista, pero dándolle importancia fundamental á fragmentación do plano por liñas sucesivas. Como noutros compañeiros de xeración, o vínculo coa tradición popular é manifesto de xeito que fai confluír en simbiose a figura humana coa terra (Paisaxe con viñas, 1965; Labregos, 1968), ás veces con fortes doses de hieratismo (Familia, 1968).
Nesta liña é ben relevante a escolla frecuente de figuras femininas arquetípicas, que entronca coas que realizan todos Os Novos, representacións de mulleres que serven para chantar a obra de arte nos alicerces máis fondos da tradición (virxes románicas, populares e barrocas) e tamén para situalas no simbolismo eterno da muller (deusa nai, virxe, nai-terra) e nesa Galicia “nai e señora, sempre garimosa e forte” que cantaba Ramón Cabanillas.
Durante toda a súa vida, Pesqueira vai ser fiel a estes presupostos e daralles unha maior primacía, progresivamente, aos valores cromáticos, sen modificar os principios esenciais da súa estética. Apenas ao final da súa traxectoria —finais dos setenta e comezos dos oitenta— o noso artista abre a súa pintura para recoller ecos dun expresionismo baconiano e realiza algunhas das súas mellores obras.
Carlos L. Bernárdez
Bibliografía
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Excmo. Ayuntamiento, 1992.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo,1981.
VV. AA.: Manuel Pesqueira Salgado. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1988.
VV. AA.: Pesqueira. Exposición antológica. Vigo, Caixavigo, 1986.
Ilarri Gimeno, Angel: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León» Vigo, Ayuntamiento, 1978.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.