PICASSO
Ruiz Picasso, Pablo
( Málaga, 25 de octubre de 1881 - Mougins, Francia, 8 de abril de 1973 )
Biografía
Fillo de José Ruiz Blasco, pintor academicista e profesor de Debuxo, trasládase coa súa familia á Coruña en 1891, onde cursa estudos artísticos na Escola de Belas Artes e expón por primeira vez con trece anos. En 1895 marcha a Barcelona, ao ser seu pai nomeado profesor na Escola da Llotja, onde Picasso —que aínda era un mozo— estuda durante dous cursos. Matricúlase na Escola de San Fernando de Madrid no curso 1897-98 pero enferma gravemente e regresa a Barcelona, onde unha vez recuperado se relaciona co grupo modernista Els Quatre Gats e apártase da vida académica. Durante uns anos alterna Barcelona e París ata que en 1904 se instala definitivamente na capital francesa. Tras unha etapa na que se empapa da vangarda parisiense, desenvolve unha serie de etapas marcadas pola súa condición de visionario e polo seu afán investigador; establecerá unha serie de fitos na historia da arte. No plano político, Picasso declarábase pacifista e comunista, cunha notable influencia na súa carreira artística. Podemos afirmar con rotundidade que se converteu na personalidade artística máis relevante do século XX con obra nas coleccións máis destacadas a nivel mundial, e con máis dunha decena de museos e fundacións dedicadas á súa figura.
Na Coruña o mozo Picasso realiza os seus primeiros debuxos e pinturas dun realismo vigoroso cunha especial predilección polos personaxes populares. Séguelle a etapa de Barcelona e Madrid con forte influencia do modernismo catalán e mestres como O Greco. En París xorde a “etapa azul” a raíz do suicidio do seu grande amigo Casagemas, dominada por unha paleta fría e unha temática arredor da maternidade e da mendicidade. Uns anos máis tarde, as tonalidades vólvense máis cálidas en consonancia coa temática do circo; é a denominada “etapa rosa”. As Señoritas de Aviñón (1907), influenciada pola escultura ibérica, pola arte africana e por Cézanne, supón un punto e á parte na súa carreira. Da súa colaboración con Braque xorde o cubismo, analítico e sintético, que remata co tradicional sistema de representación do espazo. Picasso creará a técnica da colaxe e Braque a do papier collé. O Guernica (1937) converterase nunha icona e supoñerá un punto de inflexión na súa obra e na historia da arte española. Nos anos cincuenta realiza recreacións de cadros de grandes mestres, como Courbet, Delacroix ou Velázquez. Abordou tamén xéneros como a escultura, a cerámica ou o deseño de escenografía e vestiario para montaxes teatrais.
Desde que realiza en 1899 a obra O Zurdo, Picasso mantivo unha intensa relación co gravado. Traballou a obra gráfica dunha forma extraordinaria e chegou a realizar arredor de 2.200 obras. A temática vai a miúdo en consonancia cos temas doutras disciplinas. Na Colección Afundación atopamos cinco obras gráficas (augatinta, augatinta combinada con punta seca, augaforte e litografía) da etapa comprendida entre finais dos cincuenta ata os seus últimos anos. Dúas delas abordan o tema de La Celestina; a temática erótica ten unha especial importancia nesta época. En A Danza aparece unha figura simbólica na súa produción: a pomba; como alusión á paz, e a composición recorda a A danza de Matisse (1910). En Meniña realiza unha glosa á célebre obra As meniñas de Velázquez (1656) e en Dr. Reventós retrata o seu amigo da época de Barcelona.