MIGUEL PIÑEIRO
Piñeiro Pérez, Miguel
( Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1976 )
Biografía
É licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Participa na súa primeira mostra colectiva en 1998 en Cambados e un ano máis tarde realiza a súa primeira exposición individual no célebre restaurante Loliña de Carril, ás que lles seguen mostras tanto a título individual coma colectivo en diversas cidades galegas, en Madrid e en países como Holanda, Francia, Estados Unidos ou Portugal. Ao longo da súa traxectoria participa en feiras de arte contemporánea como Artexpo en Nova York ou Art Madrid —ata en oito ocasións— na capital española. Así mesmo, a súa obra forma parte de coleccións como a da Fundación Camilo José Cela (Iria Flavia, Padrón), Museo Sandeman (Vilanova de Gaia, O Porto), Museo ferrocarrileiro John Trulock (Iria Flavia, Padrón), Museo de arte deportiva da Fundación do Real Club Celta de Vigo ou a do Museo do Viño (Cambados).
Miguel Piñeiro é un artista hiperrealista enraizado na estética pop —os seus referentes artísticos son Jeff Koons e César Galicia— cun espírito inconformista e experimental na procura de novas técnicas que permitan transgredir os límites da bidimensionalidade que implica a superficie pictórica. Aplícalle a súa sobresaínte destreza técnica á pintura dun modo que logra que pareza fotografía —destaca especialmente o traballo dos reflexos—, pero tamén á obra gráfica, ao xénero escultórico e á instalación; compón unhas pezas de elocuentes títulos visualmente sorprendentes que establecen un diálogo moi directo e emocional co espectador, pois nelas aparecen representados obxectos que están presentes na nosa vida cotiá e que, en moitas ocasións, nos transportan á nosa infancia. Na súa obra, de vibrante colorido e chea de orixinalidade e ironía, xoga coa nosa visión a través de trampantollos onde traballa principalmente o concepto de bodegón; insúflalle un aire pop contemporáneo a este clásico xénero coa presenza de obxectos en moitas ocasións de célebres marcas, de modo que establece un vínculo co mundo da publicidade e do deseño, un universo que lle resulta fascinante.
A obra pictórica Ihooo!, que figura na Colección Afundación, pertence á serie I love Damian Hirst na que o artista persegue lograr mediante recursos pictóricos o efecto que producen os obxectos mergullados en urnas de formol; trampantollo que logra con mestría ao explorar os recursos que proporciona pintar sobre un metacrilato que introduce no interior dunha urna de cristal cor augamariña. A obra que nos ocupa é a súa persoal interpretación do célebre conto Brancaneves e os sete ananiños. Na súa versión a princesa icona de Disney chíscalle de maneira coqueta un ollo ao espectador mentres agarda dentro dun iPhone o rescate do seu príncipe azul; papel que lle corresponde nesta ocasión ao fundador de Apple, Steve Jobs, cuxo retrato se presenta a xeito de tatuaxe no antebrazo desta Brancaneves 2.0.