Crece no ambiente cultural coruñés de mediados de século. Os seus pais aprecian a facilidade que tiña para o debuxo e as artes, anímano a estudar na Escola de Artes e Oficios da cidade herculina. Con 17 anos ao ver a reprodución da Barca verde do pintor húngaro Segismundo Nagy queda impactado pola obra e decide ser artista. Animado polo seu pai, márchase a Madrid para coñecer o universo artístico da capital. No Café Gijón establece relación co grupo dos Indalianos, cos que adoitaba «retarse», e finalmente «vencer», para pintar ao natural na zona de Recoletos e do Museo do Prado. Grazas a unha broma deste grupo, establece contacto co soado marqués de Lozoya, mecenas de artistas novos, e consegue expoñer en 1948 na Sala de Estampas do Museo de Arte Contemporánea de Madrid con tan só vinte e tres anos. Regresa á Coruña e consegue unha bolsa para estudar en L´École deas Beaux Arts de París, onde toma contacto coas obras máis coñecidas do impresionismo. Posteriormente, realiza unha viaxe a Holanda que será definitivo na súa vida, pois se namora da súa futura esposa, con quen se establece nos Países Baixos. Nesta época traballa como arquitecto/decorador na televisión holandesa ─distánciase uns anos da pintura, ata comezos dos setenta─; esta experiencia vai permitir aprender e investigar as técnicas máis inusitadas. Despois deste traballo e de participar en máis de cincuenta exposicións por Europa ─aínda que en Galicia mostrou a súa obra moi ocasionalmente─, se prejubila en 1980 e comeza a vivir entre A Coruña, onde monta o seu estudo en 1982, e Holanda. A súa obra está presente en destacadas coleccións públicas e privadas, principalmente galegas e holandesas.
Artista multifacético explorou a cerámica, azulexos, o cristal, os carteis... e por suposto sempre a pintura; dalgunha maneira pódeselle considerar un pintor que adaptou a súa pintura a outros soportes. É a partir dos anos noventa cando se centra no deseño de vidreiras de tendencia art nouveau ─o seu interese polo cristal comeza na súa época televisiva─ que produce en Holanda. Realiza traballos con esta técnica para institucións públicas e privadas, entre os que sobresae o Millenium da súa cidade natal, en colaboración co arquitecto Antonio Desmonts. No campo das artes plásticas, traballou fundamentalmente o óleo, o gouache e a acuarela. A súa linguaxe evolucionou desde un impresionismo moi clásico nos seus comezos a un postimpresionismo de gran personalidade no que se esencializan as formas e evidénciase un dominio da composición, e da cor. Os seus temas predilectos son as paisaxes naturais e urbanas, en especial da súa cidade natal e holandeses, cunha fascinación especial polas atmosferas e a auga. Tamén realizou series sobre cidades como Venecia ou sobre a música, interiores, espidos, e algún bodegón.
Na Colección Afundación figuran dez paisaxes do autor, xénero no que destacou especialmente, realizados con acuarela, acrílico, carbón, pastel e técnica mixta, e vinculados polo elemento auga, recorrente no seu imaxinario. Representa vistas da Coruña, Rías Baixas, Holanda e Venecia mediante unha factura certeira, nalgunhas dominan a cor azul ─predilecta do autor─ e as luces da noite, coas características brumas de atmosferas que Porto consegue captar dun modo sensacional para crear un ambiente de fantasía e lirismo fascinante.
GERARDO Porto, Concello da Coruña, A Coruña, 1994.
GERARDO Porto, Concello da Coruña, A Coruña, 2001.
GERARDO Porto. Formas y expresiones, Concello da Coruña, A Coruña, 2006.
OBRA reciente. Gerardo Porto, Fundación Caixanova, Vigo, 2009.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PORTO polifacético, Atlántica Centro de Arte, A Coruña, 1994.
VASCO, P.: “Gerardo Porto”, en Artistas Gallegos pintores. Figuraciones, Nova Galicia Edicións, Vigo, 2004, pp. 270-309.
VV. AA.: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña II. Artes Plásticas (1990-2010), Tomo 2, Deputación da Coruña, A Coruña, 2011, pp. 551-557.
VV. AA.: Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña I. Pintura y escultura, Tomo 2, Deputación da Coruña, A Coruña, 1991, pp. 411-418.
VV. AA.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.