ISAAC POSADA FERNÁNDEZ
Posada Fernández, Isaac
( Vigo, 1951 )
Biografía
Incapaz de se suxeitar a norma ningunha, é un ser desenfadado, de exultante vitalidade, inquedo, dinámico, malia as súas limitacións físicas. Mesmo na súa apariencia hai algo de antigo pioneiro na conquista do Oeste americano. Rexeita por completo calquera biografía, asegurando que só a obra importa e só a arte está por riba de calquera outra cousa. Traballa na súa cidade natal, fronte ó mar, no vello barrio de pescadores, e a súa vida é unha bohemia saudable, aínda que semella ser unha expresión paradóxica. Cultiva a pintura e maila escultura, con tendencias de vangarda que a emparentan co expresionismo abstractivo. Moi vencellado a grupos novos ó longo da súa vida, foi inseparable de Monroy, morto tan novo. Participou en certames colectivos e realiza espaciadamente exposicións individuais, aínda que é inimigo de calquera formalismo e das estructuras oficialistas. Está representado en coleccións institucionais e particulares de carácter elitista, pois o seu concepto da arte, indubidablemente, non é para as masas. Sabe que a súa obra é innovadora, seria, profunda, e non ten présa por impoñela convencido de que sempre hai alguén capaz de comprendela e admirala. Figurou na novena exposición das que se celebraron co gallo do centenario de Caixavigo en 1980, cun "Homenaje a García Lorca", onde combinou a xeometría co panfletismo.
Bibliografía
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.