PREGO DE OLIVER
Prego de Oliver, Manuel
( Ourense, 1 de abril de 1915 - 28 de abril de 1986, )
Biografía
Pintor precoz, autodidacta, a súa dedicación artística a nivel profesional consolidarase no ano 1940 ao ser destituído como docente tras a Guerra Civil. O seu autodidactismo nútrese da lectura, dos parladoiros do Ourense republicano da xeración Nós (capitaneadas por Vicente Risco e Otero Pedrayo), así como da relación con Castelao ou Álvaro Cunqueiro. Seguidor do espírito dos Renovadores, convértese en figura principal —xunto con Pesqueira, Díaz Pardo e Luis Torras— tras a posguerra, cunha linguaxe vinculada ao realismo etnográfico. Realiza a súa primeira exposición en Madrid en 1941 e continuará facéndoo por toda España, aínda que o seu recoñecemento como artista non será cedo. Os murais da Estación Marítima de Vigo (1960) marcan o momento no que é xa considerado un pintor de grande interese; prestixio potenciado sobre todo a partir dos oitenta cando expón no Palacio da Unesco en París (1981), exposición que despois fará itinerario por Barcelona, Vigo e finalmente Ourense. Cabe destacar a súa faceta como ilustrador en publicacións como ABC e Branco e Negro. A súa obra figura nos máis reputados museos e institucións de Galicia, e en destacadas coleccións privadas.
A súa obra inicial, de carácter realista, capta con sinxeleza e intimismo a relación coa natureza de personaxes e obxectos. Contra finais dos anos trinta e comezos dos corenta, Prego realiza un realismo máis introspectivo con escenas de bañistas e interiores sobre todo en acuarela. Non será ata mediados dos corenta cando atope un estilo máis definido, que se consolidará definitivamente nas décadas seguintes. Tradición, natureza e a realidade do seu contorno serán as principais motivacións da súa obra. Focaliza a súa ollada no home (son celebres as súas maternidades, os seus nenos ou os seus mendigos) e a natureza, cun estilo altamente expresivo que zumega lirismo e está cimentado nun amplo coñecemento da historia da pintura na que a marca de Nonell se adiviña moi presente. Abrangue un repertorio temático abundante e recorrente: paisaxes, barcas, animais, flores, bodegóns, a muller e a maternidade, nenos, lavandeiras, anciáns, escenas pastorais, etc. a través do debuxo, acuarela, pastel ou óleo. A seguridade define o seu trazo nervioso e efectista, e pinta con abundante materia con cores de tendencia apagada.
Na Colección Afundación figuran trece obras do artista que evidencian a súa versatilidade técnica e temática. Cinco sobre papel realizadas con pluma e acuarela nas que representa unha escena de baño, un interior —que recorda aos parisienses dos anos vinte de Arturo Souto— e unha escena cotiá dunha praza (todas dos anos corenta), así como un ancián e unha muller que suxeitan un neno nos seus brazos xunto a un can situado ao seu carón, de comezos dos setenta e dos oitenta respectivamente. En óleo achamos varias paisaxes: unhas dunas, dúas solitarias praias cunhas barcas varadas na area (escena que representa de maneira recorrente) e unha vista dunha ponte sobre o río Loña; obras realizadas cara finais dos sesenta, nas que destaca esa presenza humana silenciosa —tan característica das súas paisaxes— e un esquema compositivo en bandas. Natividade na montaña (1962) recrea un ambiente máxico-relixioso cuxos personaxes evocan arquetipos galegos; o uso da cor, a rapidez e o empaste da pincelada contribúen a xerar esta particular atmosfera. Cesto de limóns (1982) trátase dun bodegón, de perspectiva frontal e ventá ao fondo, no que destaca a calidade plástica de obxectos e que lle transmite ao espectador esa sensación de “instante detenido” tan característico na súa obra.
Bibliografía
AREÁN, C.: 30 años de Arte español, Edic. Guadarrama, Madrid, 1972.
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.
CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
GARCÍA IGLESIAS, J. M.: Manuel Prego. Su obra, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1989.
ILARRI GIMENO, A.: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León», Concello de Vigo, Vigo, 1978.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PABLOS, F.: Colección Adriano Marques de Magallanes, Concello de Vigo, Vigo, 1992.
VV. AA.: Prego, Deputación Provincial, Ourense, 1985.