MARC QUINTANA
Quintana, Marc
( Tarragona, 1975 )
Biografía
Fillo do recoñecido artista plástico galego Manuel Quintana Martelo, nace en Tarragona e na actualidade reside e traballa en Sant Cugat del Vallés (Barcelona), aínda que o seu vínculo con Galicia foi e é moi forte. Dentro da súa formación, principalmente centrada en pintura e gravado, realiza unha serie de obradoiros artísticos xunto a Joan Hernández-Pijoan e Carlos Capelán no CGAC de Santiago de Compostela, así como outros en Nova York, Bergen (Noruega) e Noia (A Coruña). No ano 2001 realiza a súa primeira exposición individual na galería Sargadelos de Monforte de Lemos (Lugo), e ese mesmo ano participa nas súas primeiras exposicións colectivas, ás que lles seguen numerosas mostras tanto a título individual coma colectivo e feiras de arte contemporánea. Entre os seus galardóns cabe destacar o segundo premio de gravado do Liceo de Noia (A Coruña) e a mención de honor na Bienal d´Art Premi Tapiró (Tarragona). É seleccionado para o VIII Salón Internacional Aceas (Barcelona), o II Premio Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) e o XIV Premio Telax de Arte Contemporánea e Vangardista (Reus). A súa obra encóntrase representada nas coleccións da Televisión de Galicia (Santiago de Compostela), do Aeroporto de Peinador (Vigo), da Escola de Arte de Sant Cugat (Barcelona), de El Correo Gallego (Santiago de Compostela) e de El Dominical (Barcelona), entre outras.
Podemos entender a obra de Marc Quintana como unha representación visual subxectiva da sociedade actual. O artista reflexiona sobre a globalización, a publicidade, a tecnoloxía e a identidade nunha sociedade hiperconectada a través da confrontación de distintos —en relación coas contradicións do mundo actual: figuración/abstracción, xeometría/xestualidade, branco e negro/cor, pintura/fotografía ou infografía, materia/planitude, etc. Nos seus inicios aposta por establecer un diálogo entre a arte abstracta e a imaxe infográfica ou a fotografía. Deste xeito, sobre paisaxes en branco e negro de grandes urbes ou espazos naturais abertos á infinidade introduce con acrílicos formas xeométricas planas, estáticas e con fortes contrastes cromáticos. Posteriormente introduce a figura humana, así como a iconografía urbana, moi vinculada ao graffiti, e fragmenta o espazo en dous —que alude á dicotomía recorrente das súas obras—; como nas súas series Ad Hóminem ou Tokyo. Nos últimos anos abandona o ordenador para representar mediante unha técnica mixta —con múltiples referencias á arte urbana- misteriosos e desolados escenarios habitados por individuos urbanitas solitarios e sen rostro, deshumanizados.
As dúas obras do autor que integran a Colección Afundación pertencen á serie Tokyo (2008). Nelas o espazo do cadro amósase fragmentado pola metade; na metade dereita aparece unha fotografía en branco e negro da cidade de Tokyo, e na outra metade Quintana representa, cunha economía de trazos e cunha estética moi pop que recorda as serigrafías de Warhol, dúas figuras humanas —unha delas parécese notablemente ao célebre artista Jean-Michel Basquiat—, enmarcadas por dúas bandas horizontais negras, en grises e negros planos, sobre as que aparecen unha serie de palabras, tags, drippings e liñas xeométricas cunha paleta intensa e fortemente contrastada.
Bibliografía
Enlace páxina web do artista: http://www.marcquintana.net/