QUINTANA MARTELO
Quintana Martelo, Manuel
( Roxos, Santiago de Compostela, 9 de diciembre de 1946 )
Biografía
Pintor por enriba de todo, deixou a súa cátedra no instituto Xelmírez onde tamén foi director para darlle maior intensidade á súa faceta creativa. Estivo á fronte da Asociación de Artistas Visuais de Galicia e fíxose cargo posteriormente da Real Academia Galega de Belas Artes. O Auditorio de Galicia en 2007 dedicoulle unha retrospectiva, unha monográfica en 2010 a Deputación da Coruña, e unha exposición individual en 2011 no Kiosko Alfonso. En 2012 recibe o Premio de Cultura Galicia en Artes Plásticas.
Inicia a súa traxectoria artística nos anos 70 con forte compromiso social. Licenciado na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi en Barcelona, despunta pola súa rigorosa e exquisita técnica académica afín a Antonio López, pero rompe moldes ao enlazar figuración coa action painting e rexistros procesuais de correntes urbanas e expresionistas como a do americano Rauschenberg. Nesta etapa deixa visible o proceso de traballo, a pintura escorrida, as dúbidas, as manchas e brochadas.
Participou no grupo Atlántica cun estilo abstracto e expresionista. A partir de entón perfecciona a súa técnica para darlle solidez á presenza do obxectivo, pero sabendo que formalismo e informalismo irán xuntos nas súas composicións. Nos 90 instálase en Nova York; expoñerá con éxito a súa obra en Caracas, Miami, Oporto e igualmente na propia cidade dos rañaceos. Devoto do plano pictórico, para que se manifeste con máis rotundidade, acabará servíndose da figuración contraposta á abstracción, unha constante na súa produción. Neses anos introduce a iconografía das papeleiras e cabinas telefónicas ocupando un espazo central, xunto a materiais de traballo como pinceis, tubos de cor ou tarros manchados de pintura.
Quintana Martelo renova o bodegón desde perspectivas actuais. Xornais atados, botellas ou bolsas de lixo, iconas da sociedade consumista, consegue que harmonicen con distintos espazos planimétricos informais, suxeitos aparentemente por esparadrapos ou chinchetas, ou ben apoiados sobre tapetes ou anacos de cartón. Enganan a ollada do espectador que cae nun trampantollo, atrapado entre varios fondos de metapintura. Apréciase en Dánae, 1995, orixinal formulación do mito en forma de caída de pratos que conteñen o sensualismo dunha rosa a punto de esfollarse. Anatomía do Obradoiro, 1995, engrandece unhas sinxelas zapatillas ou os útiles indispensables da creación, coma se dun autorretrato biográfico e profesional se tratase, á par que sublima o carácter procesual transitivo do branco e negro á cor como por arte de maxia.
A partir do cambio de século a tensión entre o xesto e a precisión atopa unha eficaz forma nos dípticos. Enfronta en cadansúa tea a linguaxe preciosista da figuración contra cores fortes esenciais e líricas, que se apoderan do lenzo ao xeito de expresionistas abstractos americanos como Rothko.
Desde 2010 realiza obras escultóricas transvasando as formas do lenzo á terceira dimensión. A súa propia figura, mesa ou útiles de traballo incorpóranse ao propio soporte como parte da obra. A súa serie Containers, de 2013 a 2018, motívana colectores urbanos debuxados con destreza e sobre os que incide a máxica luz. Sobre fondos baleiros, reducidos a planos, enxalza a beleza deses elementos rotundos, que presenta illados, descubertos nos seus moitos paseos e viaxes, como bo flâneur.
Fátima Otero
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Atlántica, 1983. Pontevedra, 1983. -"teimosías", catálogo da exposición, coa obra reproducida.