MÁXIMO RAMOS
Ramos López, Máximo
( Ferrol, 4 de septiembre de 1880 - Madrid, 25 de febrero de 1944 )
Biografía
Fillo dun mariño, non seguiu a carreira paterna á que o quixeron inclinar. O futuro artista odiaba os uniformes e a disciplina, xa que sempre foi un anárquico, apaixonado un tanto tristeiro. Marcha a Madrid, disposto a vivi-la bohemia da arte. Despois dunha dura experiencia negativa, volve ó Ferrol. Debuxa constantemente, ata acadar unha considerable mestría. Trasládase á Coruña para traballar como delineante. Tampouco resiste moito tempo e, en 1910, emprende a aventura da emigración. Ó cabo de tres anos regresa de novo ó Ferrol, onde está en 1913. Tampouco resiste e, en 1916, marcha primeiro a Madrid e a Barcelona pouco despois. Debuxa para publicacións da época coma La Esfera e Blanco y Negro. Publica un libro impresionante, Mientras llega la hora, ilustrado por el mesmo. Este libro dálle fama de revolucionario. Adscríbese a modas da época e debuxa nun estilo modernista e decadente. Iníciase nas tarefas de gravado, nas que chegará a ser un consumado e exquisito mestre. Nesta faceta, Máximo Ramos acada a terceira medalla na Exposición Nacional de Belas Artes de 1934, coa súa peza Mi abuelo el pirata, e a segunda, tralos reveses da Guerra Civil, en 1941, con Las viudas, exemplo do seu estilo exquisito e dramático de gran debuxante. Circunstancias políticas e de subsistencia lévano a traballar para a prensa oficial franquista e os seus debuxos, moi de comic, aparecen en Flechas y Pelayos e mais en Fotos. Na primeira continúa unha ditirámbica e amañada «Historia del movimiento nacional». Fanse populares as súas historietas tituladas « Nueve meses prisionero de los rojos», onde os republicanos son malos, feos e esmirrados e os falanxistas e franquistas altos, fermosos e nobres, e tamén as «Aventuras milicianas del terrible Paco Lanas», cun estilo cómico. Outra serie súa que na inicial posguerra acada popularidade é a titulada «Aventuras de Quico y Caneco». A súa vida, difícil, amargada, remata en 1944, o 25 de febreiro, en Madrid. A súa obra de pintor non é abundante, mais a de gravador tivo unha meirande aceptación. Hoxe atópase representado en museos de Galicia e nos de gravado de todo o mundo. Os museos do Ferrol e Vigo conservan excelentes pinturas do artista. Máximo Ramos é un plástico intenso, debuxante prodixioso, de pulso incrible co buril, cando grava pranchas para augaforte ou talla doce. Acada efectos de clarescuro que case chegan ó cromatismo. É elegante, mórbido ou documental, segundo o momento. Como pintor, é solto, moi colorista, de temperamento imaxinativo e soñador. O recoñocemento foi serodio na súa cidade natal, onde, desde principios dos oitenta, se creou un premio internacional de gravado que leva o seu nome.
Bibliografía
Bello Piñeiro, Felipe: El arte en Ferrol. Guía de Ferrol, 1944.
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
Esteve Ortega, E.: Arte gallego. Barcelona,1930.
Carrete Parrondo, Juan; Vega Gonzalez, Jesusa; Fontbona, Francesc y Bozal, Valeriano: El grabado en España (siglos XIX y XX)Vol. XXXII de Summa Artis. Madrid, Edit. Espasa Calpe, 1988.
Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié, 1981.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Martín, Antonio: Historia del comic español, 1875-1939. Barcelona, 1978.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.