BEA REY
Rey Gómez-Guitián, Beatriz
( A Coruña, 1939 )
Biografía
O seu pai José Rey, farmacéutico, empresario teatral, coleccionista, e fundador xunto con Isaac Díaz Pardo das fábricas de cerámica de O Castro e Sargadelos, propicia a súa temperá relación coa arte e con artistas e escritores como Seoane, Dieste, Laxeiro, Souto, Blanco Amor ou Colmeiro. Licénciase en Belas Artes na Escola de San Fernando de Madrid en 1968; en 1966 obtén a bolsa da Residencia de Artistas en Segovia, que supuxo o xerme da súa primeira exposición. E ademais realizou os cursos de mural na cátedra de Villaseñor. A vertente social da súa obra fai que entre a formar parte en 1967 —aínda sendo estudante— de Estampa Popular Gallega, grupo co que expón en Galicia e Montevideo. Realiza a primeira mostra individual na Sala Quijote de Madrid en 1968, á que seguen outras individuais e colectivas en cidades galegas e españolas, así como en países como Finlandia, Francia ou Alemaña. Tamén formou parte dos grupos Sisga (1975) e Puerta del Sol (1989). Ao longo da súa traxectoria obtivo diversos premios, entre os que cómpre salientarmos a mención de honor do Certame Internacional de Puerto Príncipe (Benalmádena, Málaga, 1981), a mención especial Premio Cidade da Coruña (1982) e o Premio Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña (1990). Compaxinou a faceta artística coa docencia de Debuxo. A súa obra forma parte de coleccións como a do Museo Municipal de Lugo, Deputación da Coruña, Museo de Arte Contemporánea de Granada, Biblioteca Nacional ou a do Museo Municipal de Cuenca. En 2019 inaugúrase o Museo Bea Rey en Sobrado dos Monxes.
A súa obra xira fundamentalmente arredor do ser humano, e as súas cuestións esenciais tanto de índole social (nas etapas iniciais) coma existenciais (en etapas posteriores). Para iso crea un particular imaxinario que transita entre a figuración e a xeometrización, un mundo habitado por rotundas figuras humanas ou fragmentos hibridados delas que, en ocasións, adquiren case o aspecto de máquinas. A súa primeira etapa (1966-1975) aborda temáticas de índole político-social; formalmente caracterízase pola xeometrización e a esencialización de formas xunto cunha vibrante paleta, na que se aprecia a influencia de artistas como Maside ou Seoane. Na segunda etapa (1978-1987) inscríbese nos parámetros da nova figuración, os aspectos simbólicos e expresionistas cobran protagonismo á hora de representar as súas figuras, e as composicións, en ocasións, presentan un certo carácter surrealista. Na terceira etapa (1989-1996) existe un interese inédito polas texturas e os materiais, incorporando a colaxe e introducindo materiais de refugallo que ela mesma recolle. A partir de 1996 a súa obra perde materia e o protagonismo recae novamente na cor e mais na liña. Deste modo, o elemento representativo dilúese para lle dar protagonismo á xeometría que alcanza neste momento a máxima expresión.
Dúas pinturas figuran na Colección Afundación. En Ciudadano Soñador (1973), varias figuras humanas aparecen reducidas a uns torsos —motivo recorrente no seu imaxinario—, de maneira que evocan os manequíns comerciais, representados cunha linguaxe de cores planas contrastadas xunto con palabras e símbolos baixo uns parámetros próximos á arte pop que evidencian a súa actitude crítica ante a sociedade. Tomás (1988) é un retrato masculino en tres cuartos que se inscribe na etapa de finais dos oitenta, inspirada en grandes mestres da pintura, neste caso no seu admirado Picasso e os seus postulados cubistas.
Bibliografía
BLAS, J. J.: Diccionario de pintores españoles contemporáneos, Edic. Estiarte, Madrid, 1972.
CANDAL, M. e REY, B.: Bea Rey, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1998.
CHÁVARRI, R.: La pintura española actual, Ibérico-Europea de Edic., Madrid, 1973.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
VV. AA.: Mujeres en el arte español (1900 - 1984), Ayuntamiento de Madrid, Madrid, 1984.
VV.AA.: A arte inexistente: as artistas galegas do século XX, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.
VV.AA.: Bea Rey, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2001.
VV.AA.: La memoria del presente. Bea Rey, Galería Ana Vilaseco, A Coruña, 2005.