CARLOS RIAL
Rial Pérez, Carlos
( Lage, Alemania, 1969 )
Biografía
Fillo de emigrantes, nace en Alemaña. Inicia a aprendizaxe artística en 1985 na Escola de Canteiros de Poio, onde se forma durante cinco anos. No período comprendido entre 1987 e 1995 traballa nos obradoiros dos escultores Francisco Leiro, Silverio Rivas e Manolo Paz. Comeza a actividade expositiva en 1992 na mostra colectiva Círculos no Concello de Vilagarcía de Arousa, e realiza a primeira exposición individual Embalajes na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela. Participou na feira de arte contemporánea ARCO en repetidas edicións e expuxo a súa obra en mostras tanto individuais coma colectivas en diversas cidades de Galicia e do resto de España: Lisboa, Viena, Gales, Berlín ou México, entre outros lugares. En 1994 obtén o segundo premio de Escultura no V Simposio Internacional de Escultura ao Aire Libre no Grove, e ao ano seguinte o premio de Escultura do certame Novos Valores, convocado pola Deputación de Pontevedra. Así mesmo, obtén en 1997 a bolsa de creación artística no estranxeiro Unión Fenosa. A súa obra está representada en coleccións como a da Deputación de Pontevedra, Concello do Grove, Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside en Sada, Abanca, Unión Fenosa, Concello de Lalín, ou a do CGAC, así como en distintas coleccións particulares. Na actualidade, vive e traballa en Dena, na provincia de Pontevedra.
Artista de formación vinculada coa talla directa e artesanal, o seu discurso sitúase a medio camiño entre o concepto e o obxecto. O seu traballo baséase na reflexión sobre a esencia do ser humano, o paso do tempo e a memoria. Crea potentes metáforas visuais a través da experimentación co obxecto común e cotián; a súa aproximación a este é a miúdo antagónica —en ocasións trabállaos cunha gran forza e rotundidade e outras, desde a sutileza— cunha linguaxe vinculada ao figurativo no que xoga co inestable, a repetición e as escalas. As súas silentes esculturas e instalacións, de limpa aparencia, parecen lembrar as figuras ríxidas e estáticas de Anthony Gormley, ou as inquietantes e repetitivas pezas da alemá Katharina Fritsch situada entre o minimalismo e a arte pop. A ironía, e o espírito crítico adoitan facer acto de presenza nas súas series, nas que combina con destreza e audacia variadas técnicas e materias como a pedra, a madeira, os metais, a cera ou a parafina, xunto con outros compoñentes como cordas, canas ou boias.
Na obra Tres peones (2000), que integra a Colección Afundación, combina a madeira e o zinc nun conxunto de tres figuras escultóricas clónicas, híbridas e autónomas —cuxas partes superiores son peóns de xadrez realizados a grande escala tallados en madeira e a parte inferior uns conos de sinalización realizados en zinc xerando un inquietante «xogo de espellos». O conxunto está agrupado, invadindo o espazo sen unha orde precisa coma se estivese tirado no chan. A sensación de inestabilidade derivada da forma cónica que aparece como reflexo das pezas de xadrez vese amplificada pola súa posición. Unha potente metáfora visual na que o espectador ten que indagar acerca da intencionalidade crítica do autor. Con estes obxectos cotiáns convertidos en arte o autor sitúase próximo á arte pop; no referido á utilización de series na súa obra, o autor está próximo ao minimalismo.
Bibliografía
CARLOS Rial, Concello de Ferrol, Ferrol, 2003.
LA IGLESIA, J. F.: La Escultura gallega en la Colección Caixavigo e Ourense, Caixavigo, Vigo, 2000.
OLVEIRA, M.: Carlos Rial,Caja de Madrid, Pontevedra, 1998.
V e VI MOSTRA Únion Fenosa, MACUF, A Coruña, 1997 e 1999.