FEDERICO RIBAS
Ribas Montenegro, Federico
( Bouzas, Vigo, 1890 - Madrid, 1952 )
Biografía
Fillo duns comerciantes acomodados, desde moi pequeno mostra unha grande afección polo debuxo. Rexeita cursar a carreira de Medicina que a súa familia desexaba que estudase, e unha vez rematado o Bacharelato realiza oposicións para ingresar en Correos; non supera o último exercicio, polo que se dedica a practicar a escultura co escultor Julio González Pola. En 1908, con apenas dezasete anos, decide emigrar a Bos Aires, onde inicia a súa vida de ilustrador e debuxante con certas dificultades iniciais ata que consegue colaborar en publicacións como Papel e Tinta ou Última Hora. Trasládase a París en 1912, onde coincide cos principais integrantes da vangarda artística e axiña consegue traballar para a revista Mundial, dirixida por Rubén Darío. Catro anos máis tarde regresa a España e colabora nas grandes publicacións do momento: La Esfera, Nuevo Mundo e Blanco y Negro, e tamén realiza debuxos de humor para Faro de Vigo e El Pueblo Gallego. Gaña en Madrid en 1916 un concurso publicitario para o xabón Heno de Pravia dos Laboratorios Gal; máis adiante é nomeado director artístico da casa. A súa ideoloxía republicana lévao a exiliarse de novo en Bos Aires durante a Guerra Civil, onde dirixe a revista Atlántica e colabora con xornais antifranquistas como España Republicana. A finais de 1949 volve a España e instálase definitivamente en Madrid. A obra de Ribas atópase representada en museos de Galicia, así como nas coleccións e nos arquivos de Prensa Española, e empresas industriais, publicitarias e editoriais.
Virtuoso debuxante e excelente publicista, déixase influír nun primeiro momento por ilustradores ingleses, como Beardsley, e José Segrelles. Crea un estilo con selo propio, situado á marxe da arte galega renovadora da súa época, que obedece a un modernismo sensual festivo; idea un universo de sensualidade, modernidade e liberdade que foron característicos da súa época. Logra elevar o cartel en España á categoría de arte e converte a ilustración nun xeito de expresión perdurable que transcende o comercial. O seu trazo é suave e recorre a unha estilización decadente entre o modernismo e a art déco xunto cun cromatismo cálido e atractivo.
Seis obras sobre papel do artista figuran na Colección Afundación. Tres delas están realizadas a lapis —datadas entre os anos vinte e cincuenta— coa figura feminina como protagonista; unha temática moi recorrente na traxectoria de Ribas. Son mulleres fermosas de silueta estilizada (aínda que máis rotundas ca as inmortalizadas por Penagos) que mostran delicadeza, atrevemento e sensualidade con xestos e poses suxestivas representadas cun trazo preciso e cuns sutís sombreados de múltiples matices. En O congreso divírtese (1925) sérvese da pluma e mostra a súa faceta caricaturesca, pois retrata dun xeito sintético e humorístico un numeroso grupo de personaxes heteroxéneos nun ambiente lúdico e festivo. O guache é outra técnica que o artista dominaba como mostran as obras Negra e branca (1920) e Con sombreiro rosa (1916). Na primeira delas representa a dúas clásicas figuras colocadas nunha arquitectura do mesmo estilo, e na segunda, retrata unha estilizada e elegante moza ataviada con capota, guantes e cun vestido característicos da moda doutro tempo.
Bibliografía
SOBRINO MANZANARES, M. L.: O cartelismo en Galicia, Edicións do Castro, Carnoedo (Sada), A Coruña, 1993.
VV. AA.: Federico Ribas, Caixavigo, Vigo, 1991.