CAXIGUEIRO
Río Ruibal, Daniel
( Mondoñedo, Lugo, 6 de marzo de 1956 )
Biografía
Caxigueiro vive a súa infancia e adolescencia en Mondoñedo. Mostra interese pola olaría e asiste a diversos obradoiros. En 1977 realiza un curso de cerámica en Sargadelos, que lle permite traballar na fábrica unha vez rematado o curso; alí establece contacto con importantes ceramistas e artistas. En 1980 abandona a fábrica para dedicarse ás artes plásticas e rematar os estudos de Artes Aplicadas que comezara de forma independente uns anos antes. Un ano máis tarde exhibe as súas obras por primeira vez en Lugo e despois na Bienal de Pontevedra. Consegue unha bolsa e trasládase a Madrid xunto ao ceramista Eugenio D´Ors (1984-1988) co obxectivo de aprender novas técnicas. Nos anos oitenta resulta decisiva a relación que establece con artistas do seu contorno dedicados a outras disciplinas a través das exposicións colectivas, que teñen lugar en Lugo, Ourense e Ribadeo, das Novas xeracións e Artistas contemporáneos galegos, así como os Encontros galaico-portugueses que fomentan o vínculo co país luso. En 1987 forma o Grupo Remol, xunto á tamén artista María Xosé Díaz, co obxectivo de romper coa realidade existente en Galicia no mundo da cerámica. Nos anos noventa ten unha destacada proxección que se dilata ata a actualidade; participa en exposicións colectivas e individuais polo territorio español e estranxeiro. A súa obra figura en destacados museos e institucións públicas e privadas, tanto nacionais coma internacionais, e en 1990 obtén o Premio Nacional de Escultura. En 2010 inaugura o Espazo Caritel —creado coa súa muller, Flor Núñez—, formado por un edificio, que contén obras do artista e acolle exposicións temporais, e un xardín de 3.500 metros cadrados de destacado valor botánico.
Artista multidisciplinario con actitude crítica, iníciase na cerámica dentro da corrente informalista; emprega placas con distintos relevos para plasmar calidades matéricas e obxectuais. A finais dos oitenta introdúcese en correntes conceptuais e en 1988 realiza a súa primeira instalación, Danza. A partir de aí esta práctica artística convértese no seu medio de expresión fundamental, a narrativa adquire protagonismo da obra e os materiais supedítanse a esta. No seu discurso pódense atopar desde elementos antropolóxicos, como nostalxias de tradicións e usos, ata preocupacións ecolóxicas políticas e sociais; o antibelicismo é o seu leitmotiv. A partir dos anos noventa introduce o “objeto encontrado” como punto de partida creativo, e tamén incorpora a fotografía e a concepción seriada da súa produción; Guerreiros é a súa serie máis coñecida. Realiza outras series que supoñen unha evolución, pois establecen diálogos coa arquitectura, coa paisaxe e coa poesía. Na primeira década do século XXI a súa formulación plástica diríxeo cara ás novas tecnoloxías a través da fotografía ou de complexas instalacións con materiais multimedia.
Tres obras do artista forman parte da Colección Afundación. Terapia puntual (1993), realizada en gres e ferro, pertence á serie Europa Terapia Puntual que xorde da impresión que lle causan as imaxes dos cadáveres da guerra de Bosnia. Unhas figuras anónimas de gres cunha serie de orificios irregulares e incisións aparecen dispostas nunha sorte de expositor, en compartimentos de ferro que recordan nichos. Na obra Sen título (1997), de formato vertical moi alongado, xoga con formas xeométricas e de novo con cortes e aberturas, habituais na súa linguaxe; contrapón a madeira e o ferro. Por último, en A linguaxe da memoria (1999) que se encadra na serie de idéntico título, aparece un libro, cos característicos orificios, que evoca as bibliotecas destruídas durante a guerra dos Balcáns.
Bibliografía
I, III e V MOSTRAS Unión Fenosa, MACUF, A Coruña, 1989, 1993 e 1997.