BONOME
Rodríguez Bonome, Santiago
( Santiago de Compostela, 1901 - París, 1995 )
Biografía
Comeza a súa formación como tallista moi xove, nos talleres de imaxineiros da súa cidade natal, e posteriormente traballa con Francisco Asorey. Salienta pola súa habilidade e bo concepto, traballando en madeira tipos populares e escenas que transcenden ó folclorismo ó que responden. No 1920 marcha a Madrid para rematar a súa formación, axudado polo novelista Pérez Lugín, autor de La Casa de la Troya, e polo crítico máis en boga, José Francés. Participa con grande éxito na Exposición Regional de Arte Gallego, celebrada na capital de España en 1924, e neste mesmo ano realiza a súa primeira exposición persoal, tamén en Madrid, no Centro de Galicia. Concorre ás Exposiciones Nacionales de Bellas Artes de 1924 y 1926. Viaxa a París, Londres e Nueva York. É notable a súa contribución á mostra «L´Art Espagnol Contemporain», celebrada na capital francesa en 1936. Rematada a guerra civil española marcha a Francia e establece a súa residencia nunha vila de Normandía. Está representado en moitos museos galegos, principalmente en Lugo, tamén en Ciudad Real e outras cidades francesas. Bonome talla directamente a madeira con golpes de gubia moi efectivos, obtendo grupos e escenas, en xeral de pequeno tamaño, expresivos, sentidos, de aquilatada estilización, sen deixar o realismo que impera na súa obra. Un certo misticismo engade ós seus personaxes, de facianas e vestimentas angulosas, moi identificados coa imxinería tradicional un tanto dramatizados, como corresponde ó concepto da arte contemporánea. En certo modo, existen semellanzas con Acuña e outros escultores galegos. Pezas notables da súa man son O meigallo, no Museo de Lugo, La ciega de la guitarra, El entierro, Embrujamiento e La mujer del marinero. Moi boa peza é o seu busto, fundido en bronce do Marqués de Alcedo, que conserva o museo de Vigo. Non anovou, rexeitando estéticas que forman parte da escultura contemporánea, aínda que sen dúbida é moi estimable desde a tradición maís acreditada, á que engade a súa personalidade.
Bibliografía
SÁNCHEZ, M.: Bonome, Edit. Zoila Ascasibar, Madrid, 1929.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1981, Vigo.
PABLOS, F.: Colección de Arte galega, Museo Quiñones de León, Concello de Vigo, Vigo, 1995.
VV.AA: Escultura española 1900/ 1936, Ministerio de Cultura, Madrid, 1985.
VV.AA: Diccionario de Pintores y Escultores españoles del S XX, vol. 12., Edit. Forum Artis, Madrid, 1998.
VV.AA: Gran Enciclopedia gallega, Vol. 4., Silverio Cañada, edit, Gijón, 1973.