CASTELAO
Rodríguez Castelao, Alfonso Daniel
( Rianxo, A Coruña, 29 de enero de 1886 - Buenos Aires, 7 de enero de 1950 )
Biografía
Nace en Rianxo en 1886 e o pai emigra a Arxentina. Logo irán alá, súa nai con el, en 1896, onde residen ata 1900. Volven a Rianxo con dúas novas irmás. Estuda medicina en Compostela. Autodidacta no debuxo comeza a ensinar as súas caricaturas e a pintar escenas cómicas na prensa de Galicia. Ilustra revistas e produce pintura costumista, 1908, e prémianlle a acuarela Unha festa na aldea na exposición de 1909, en Santiago. Publica humorismo gráfico dende 1909 na prensa galega, e dende 1910 colabora como ilustrador en revistas de Madrid e en El Barbero Municipal de Rianxo. Conferenciante e teórico da arte escribe Algo acerca de la caricatura, 1911. Deseña unha caligrafía con letra latina, produce pintura realista e expón en solitario en Madrid, 1912. Casa e ten un fillo. Como demócrata simpatiza co movemento agrario. En 1914 comeza a colaborar como humorista gráfico, xa con función política, na prensa galega en Buenos Aires e padece, debido a tuberculose, un deterioramento na vista. En 1915 é premiado coa terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid. Aproba as oposicións de funcionario de estatística.
Establécense en Pontevedra en 1916. Publica o folleto Algo acerca... e afíliase ás Irmandades da Fala. Segue a colaborar como humorista gráfico na prensa e en A Nosa Terra, 1917. Produce pintura primitivista dende 1918. Cos debuxos que publicara na emigración e en Galicia reelabora o álbum Nós. Deseñará cubertas para libros e carteis. En 1919 comeza a publicar en galego relatos na prensa e o ensaio Arte e galeguismo. Comeza a expoñer o seu álbum Nós e a colaborar como ilustrador na revista Nós. Conxuga ilustración e relato, novo xénero co nome de cousa.
En 1921 percorre para ver arte París, Gante, Bruxas, Colonia, Berlín e Múnic e escribe un Diario. En 1922 colabora como humorista gráfico con Cousas da vida en Vigo, (algúns orixinais pódense ver na colección de Afundación) e publica e ilustra o relato Un ollo de vidro. Ingresa no Seminario de Estudos Galegos, en 1924, co que colabora como debuxante, investigador e etnógrafo e comeza a estudar e debuxar os cruceiros. Edita o libro de relatos: Cousas, 1926, ilustrado por el mesmo. Comeza a publicar relatos en El Pueblo Gallego, Vigo, e debuxos humorísticos en Faro de Vigo. Volve o deterioramento cíclico na vista, en 1927, e mórrelle o único fillo en 1928. Publica novos relatos en Cousas en 1929 coas súas ilustracións, e viaxa á Bretaña francesa para estudar alí os cruceiros. En 1930 sae As cruces de pedra na Bretaña e dous libros de humorismo gráfico, Cincoenta homes por dez reás e Cousas da vida, e en 1931 edítase o álbum Nós, e é escollido como galeguista das Irmandades da Fala, deputado nas cortes constituíntes da II República. Membro do novo Partido Galeguista defende no Parlamento os dereitos dos galegos e a concesión dun Estatuto de Autonomía ata as eleccións de 1933.
En 1934 intensifica o labor como escritor, debuxante e político. Ingresa na R.A.G., xunta os dous libros de Cousas nun novo que edita xunto con outros relatos e publica os contos Retrincos e a novela Os dous de sempre. O goberno destérrao a Badajoz. Publica a serie Verbas de chumbo en A Nosa Terra. Volve a Pontevedra en 1935 e intensifica o labor político e busca dun acordo táctico coa esquerda republicana para aprobar o Estatuto de Autonomía de Galicia.
Deputado do PG en 1936 consegue que se aprobe o Estatuto que entrega en xullo en Madrid. Tras o fallido golpe militar e xa na guerra civil reflicte a inxustiza, a represión e vinganza en Galicia, en Galicia mártir, Atila en Galicia, e a da guerra en Milicianos que debuxa en Valencia en 1937. Publica ensaios en Nueva Galicia e artigos en Nova Galiza. En 1938 viaxa a Moscova onde expón os tres álbums de guerra. Ó volver irá a Nova York para facer campaña polos Estados Unidos a prol da República. Edita en Nova York Milicianos e expón alí eses tres álbums de guerra e Nós. Extende a campaña pro República a illa de Cuba onde volve facer os útimos debuxos de humor e na Habana expón os tres álbums de guerra e Nós. Volve á Nova York en 1939. Exiliado alí risca debuxos de negros e reescribe e ilustra a peza Os vellos non deben de namorarse. No labor política intenta selar a unidade dos galegos emigrados en Estados Unidos.
En 1940 comeza o Libro segundo de Sempre en Galiza e exíliase en Bos Aires. Falto de vista pinta pouco. Volve ilustrar libros e a pintar algo ata 1943, pero, como demócrata, nacionalista galego solidario e federalista republicano. o seu labor é político e un exemplo no exilio de actitude ética. Co recompilado e co escrito publica Sempre en Galiza en 1944. Defende unha nova República federal, integrada polas catro nacións e coa ofrecemento á pendente incorporación de Portugal. Crea, con catro deputados galegos, Consello de Galiza para intervir na política do exilio xunto cos gobernos vasco e catalán. Fai un constante labor de proselitismo coa palabra, a escrita e o exemplo para concienciar á colectividade galega e busca a unión galega e mantén contacto epistolar cos poucos nacionalistas na clandestinidade en Galicia.
Pola súa acción apróbase o Estatuto de Autonomía nas Cortes republicanas celelebradas, no exilio, en México en novembro de 1945. Nomeado en 1946 ministro do goberno da República no exilio establécese en París. Fracasa o entendemento entre os deputados republicanos exiliados e esmorecen as súas accións contra a ditadura en España. Decepcionado e enfermo volve a Buenos Aires en 1947, onde segue decote a concienciar coa voz e coa escrita ós galegos emigrados. Escribe artigos na prensa e o ensaio Alba de Groria, 1948 e remata As cruces de pedra na Galiza. Falece en Buenos Aires, no exilio, en xaneiro de 1950.
Na Colección de Afundación consérvanse distintos debuxos, así como dous cadros co título No Faetón de Rianxo a Santiago de 1908, unha mariña dos anos 20 e os emblemáticos óleos O emigrante e Regreso do indiano, pintados en 1916 e 1918, que escenifican os dous momentos na vida do paisano galego, o da ida e o da volta de América.
Miguel Anxo Seixas
Bibliografía
PAZ ANDRADE, V.: Castelao na luz e na sombra. A Coruña, Edicións do Castro, 1982.
PANTORBA, B. de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
DURÁN, J. A.: El primer Castelao. Madrid, Edit. Siglo XXI, 1972. -Durán J. A.: Historia de caciques, bandos e ideologías en la Galicia no urbana. Madrid, Edit. Siglo XXI,1972.
GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de edic., 1970.
SEOANE, L.: Castelao artista. Buenos Aires, Edit. Alborada, 1969.
FERNÁNDEZ, M.: Trascendencia y hondura de Castelao. México, Edit. Triskele, 1951.
BOZAL, V.: El realismo plástico en España. Madrid, Edic. Península.
PABLOS, F.: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Edit. Fundación Barrié, 1981.
CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer. 1976.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
ZUBIGALLA BARRERA, C. A.: Castelao no arte galego. Montevideo, Edic. Ronsel.
MON, F.: La pintura actual en Galicia. Vigo, 1967.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
OTERO PEDRAYO, R.: O libro dos amigos. Buenos Aires, Edic. Galicia, 1953.
OTERO PEDRAYO, R.: O espello na serán. Vigo, Edit. Galaxia, 1966.
OTERO PEDRAYO, R.: Parladoiro. Obras selectas. Vigo, Edit. Galaxia, 1973.
FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F.: Galicia no espello. Buenos Aires, Edic. Galicia, 1953.
CARRETE PARRONDO, J.; VEGA GLEZ. J.; FONTBONA, F.; BOZAL, V.: El grabado en España (siglo XIX y XX). Vol. XXXII de Summa Artis. Madrid, Edit. Espasa Calpe, 1988.
Consúltense tamén as obras de Castelao:
As cruces de pedra na Galiza. Buenos Aires, 1950
Diario 1921. Vigo, Edit. Galaxia, 1977.
Album Nós. Madrid, Hauser y Menet, 1934
Cousas da vida. Seis volumes, Vigo, Edit. Galaxia. Escolma posible. Vigo, Edit. Galaxia.
175 dibujos de Castelao. Edic. Caixa de Aforros, Compostela, 1976.
Obra
-
Pois eu dígovos 1920 - 1930
-
Na misa 1920 - 1930
-
Detrás d'unha rica 1920 - 1930
-
Os pitos bien 1920 - 1930