GERARDO RUEDA
Rueda, Gerardo
( Madrid, 1926 - 1996 )
Biografía
Inicia a formación artística nos anos corenta co pintor de historia Ángel Mínguez. En 1949 comeza os estudos de Dereito, que compaxina coa práctica pictórica, e ese mesmo ano participa na primeira mostra colectiva organizada pola Revista de Occidente en Madrid. Cinco anos despois realiza a primeira exposición individual na Sala Abril da súa cidade natal; galería e libraría fundamental na súa formación artística, onde exporá de maneira frecuente nos anos cincuenta. Ao longo da súa prolífica e exitosa traxectoria exporá tanto a título individual coma colectivo en numerosos lugares do mundo. Destaca a súa participación no Pavillón de España na XXX Bienal de Venecia (1960), na que o prestixioso crítico Gillo Dorfles o sinala como un dos pintores mozos cun futuro máis prometedor. A súa obra figura nas máis ilustres coleccións españolas como a do MNCARS, IVAM, Fundación Juan March, Biblioteca Nacional de Madrid, Museo Patio Herreriano de Valladolid, Artium, ou a Colección Thyssen Bornemisza, e en estranxeiras como a do British Museum (Londres), Musée d’Art Moderne e UNESCO (París); Museo Internacional de Arte Contemporánea Rufino Tamayo (México), Brooklyn Museum (Nova York), Fine Arts Museum (San Francisco) ou a do Museo do Ateneo (Manila), entre moitas outras. Entre outros galardóns, recibe a medalla de honor da Bienal do Cairo (1992), e en 1995 é nomeado académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid. Xunto con Fernando Zóbel e Gustavo Torner funda en 1966 o Museo de Arte Abstracta de Cuenca.
Artista plástico cun afán renovador, destaca catro artistas como os seus principais referentes: Kurt Schwitters, Giorgio Morandi, Joaquín Torres García e Paul Klee, para compoñer unha obra definida por un exquisito e elegante cromatismo, así como polo equilibrio e o rigor formal. Realiza as primeiras pinturas de paisaxes de acento romántico, arquitectónico e xeométrico cara a 1942 nas que xa se adiviña a súa intención, constante e que irá intensificando en toda a súa traxectoria, de lograr a tridimensionalidade e sensación de relevo. Un ano máis tarde intérnase no cubismo que o impresiona e inflúe notablemente na súa produción. Iníciase na colaxe en 1953, que combina co debuxo a lapis, e emprega diferentes materiais como coiro, papel ou téxtil. A abstracción vai cobrando protagonismo de maneira progresiva na súa linguaxe a través da xeometría. Arredor de 1960 déixase seducir polo espacialismo italiano; a monocromía e as formas puras abstractas caracterizan a súa obra. A comezos dos setenta interésase por buscar novos soportes e materiais, intérnase no universo do gravado e prodúcese a súa incursión na escultura —campo ao que dalgunha maneira sempre estivo ligado. Realizou encargas monumentais de pinturas murais, esculturas ou relevos entre os que cómpre salientarmos o relevo mural para o Museo de Escultura ao Aire Libre da Castellana (Madrid), as vidreiras da catedral de Cuenca ou as dúas portas de acceso do pavillón español na Expo de Sevilla en 1992.
Na Colección Afundación figura unha augaforte datada en 1992. Fascinado pola obra gráfica, cuxa presenza no seu traballo é notable, Zóbel é unha figura crucial no seu primeiro contacto co gravado. Realiza a primeira serigrafía en 1964 en relación co proxecto do museo conquense, e a súa primeira augaforte en 1990 para o Museo do Prado. A composición que nos ocupa evoca as súas célebres colaxes cunha serie de masas de harmónico cromatismo que parecen esgazadas de forma manual, de maneira que combina a espontaneidade coa orde.
Bibliografía
BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España: Pintura y escultura 1939-1990, Tomo 2, Espasa Calpe, Madrid, 1995.
BONET, J. M. e TORRE. A. de la: Rueda, Polígrafa, Barcelona, 1994.
TORRE, A. de la: Gerardo Rueda: sensible y moderno. Una biografía artística, Ediciones del umbral, Madrid, 2006.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 12, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 3752-3754.