MANUEL RUIBAL
Ruibal Ruibal, Manuel
( Porráns, Barro, Pontevedra, 16 de noviembre de 1942 )
Biografía
De orixe humilde, a súa infancia transcorre en plena posguerra en Porráns onde, anecdoticamente, se conta que xurdirá a súa vocación artística ao descubrir nun calendario dunha farmacia reproducións de Corot, Manet, Van Gogh e Cézanne. Realiza todo tipo de traballos e con dezasete anos, e con escasos recursos, marcha a Madrid para perseguir o seu soño de ser artista. Compaxina diversos traballos, entre outros nunha serigrafía, coas súas visitas ao Prado, e aproxímase aos círculos artísticos informalistas. A súa formación é autodidacta pero adquire un sólido coñecemento humanístico; entende moito de música clásica e le os grandes escritores. En 1966 viaxa a París —a onde volverá en reiteradas ocasións— e profunda o seu coñecemento do movemento impresionista e fauvista. Ese mesmo ano realiza traballos de decoración en Benidorm, e de alí diríxese a Murcia, onde realiza en 1967 na Galería Chys a primeira exposición, que tivo un éxito inesperado. A principios dos setenta, casa e establécese en Pontevedra. En 1973 trasládase a Roma, onde reside durante un ano. En 1980 vai vivir para Mallorca e realiza a primeira viaxe a Nova York, cidade na que pasará longas temporadas. Forma parte de Atlántica, aínda que non foi membro desde o inicio. Posteriormente, residirá en Madrid ata regresar a Galicia. En 2004 crea o conxunto escultórico Campo de Estrelas en Santiago para conmemorar o ano santo. A súa obra está representada en destacadas coleccións tanto a nivel nacional coma internacional.
Artista multidisciplinar, cultivou o debuxo, a pintura, a escultura, e tamén a literatura, principalmente a poesía, moi presente na súa plástica. O seu imaxinario transita desde «a figuración ata a liña» nun proceso de depuración no que se identifican diferentes etapas, nalgunhas das cales se integran as catro obras da Colección Afundación. A obra inicial, entre 1966-1972, de carácter figurativo costumista está marcada pola súas experiencias da infancia e da primeira visita a París. Desde 1972-1977, empeza a construír o seu imaxinario persoal a través dunha serie de paisaxes da Lanzada ou de San Vicente, onde se aprecia un certo informalismo pictórico con influencias orientais e unha paleta dominada polo branco, o azul, o negro —a súa cor predilecta— e o gris. De 1977 a 1980, sintetízase o xesto, a forma e a cor equilíbranse, e emprega novas técnicas como a tinta chinesa ou a témpera ao ovo. Na acuarela Rejas, aprécianse universos enmarañados contidos dentro dun ortogonal enreixado, destaca o xogo de contrastes: negro /cores suaves, orde / liberdade, liña / xesto. Na súa estadía mallorquina, ata 1983, a súa pintura inspírase en cúpulas renacentistas e barrocas italianas, cunha imaxe máis esencial, que continúa ao longo da década, focalizada nas árbores e mais na natureza. En Árboles e en Paisaje, aparece de novo a influencia oriental en dúas elegantes composicións onde a paleta se aclara, a materia dilúese e a luz vólvese protagonista para potenciar o elemento poético. Nos anos noventa, a influencia neoiorquina permanece, a obra endurécese e esquematiza, a súa pintura adquire unha aparencia densa e grumosa —aplica areas—, e tamén pinta as enmarcacións; no lenzo Esquema na escuridade crea un inmenso espazo en tonalidades vermellas cunha combinación de liña, xesto e texturas. No comezo do século XXI a escultura monopoliza o seu traballo (é cando crea os seus Menhires pintados) e desde 2004 a súa eterna inquietude levarao a retornar á pintura: «se un día deixo de soñar, deixo de pintar».
Bibliografía
-Castro Arines, José de: El libro de la vida de Manuel Ruibal. Madrid, Edic. Rayuela, 1979. -VV. AA.: Ruibal. A Coruña, Concello, 1987. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987. -Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Pablos, Francisco: Pintores gallegos. Vol. I. Vigo, 1980.