JOSÉ MARÍA SALGADO
Salgado Rodríguez, José María
( Santiago de Compostela, 23 de marzo de 1836 - Santiago de Compostela ( info. pendiente de confirmación, ca. 1889 )
Biografía
Moi exigua é a información sobre este autor que nace en Compostela, no seo dunha humilde familia; a súa morte non está clara, aínda que se sabe que en 1889 asina dúas obras. A súa formación pictórica realízaa exclusivamente co tamén compostelán Juan José Cancela del Río —profesor e pintor célebre polos seus retratos en miniatura— na Escola de Pintura da Sociedade Económica de Amigos do País da súa cidade natal; a falta de medios impediu que puidera completar a súa formación, como acostumaban facer algúns dos pintores da súa época, na Escola de Belas Artes de Madrid. Na publicación Galicia de 1863, figura a súa participación na mostra anual que organiza a súa escola con dúas obras pictóricas de temática relixiosa, en concreto El Buen Pastor e La Santísima Trinidad, que lle reportan eloxios acerca das súas «felices disposicións» e «bos modelos». Aínda que non chega a superar o seu mestre, está considerado un pintor destacado dentro da historia da arte galega, e as súas obras figuran en coleccións particulares, así como no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
O catedrático José Manuel López Vázquez contextualízao na xeración dos románticos de 1830, caracterizada por empregar unha linguaxe absolutamente romántica —nalgúns casos con vagos toques naturalistas—, xunto con Francisco Sobrino Iglesias, Vicente Valderrama Mariño e José Garabal Louzao. Na obra de Salgado apréciase un bo oficio, firmeza e precisión no debuxo, así como un afán por pintar as figuras dunha maneira fidedigna, a través dunha suave pincelada e dun meditado emprego da cor, cunha notable influencia do seu profesor Cancela. A época dourada do retrato en Galicia sitúase na segunda metade do século XIX, de modo que retrata con refinamento e mesura personaxes relevantes da Galicia dese momento, así como familias burguesas da súa terra como os Mosquera, Cimadevila ou Mouriño; destaca o célebre retrato de gran formato de don Casto Méndez Núñez, que asina en 1883. Neste xénero, Chamoso Lamas sinalou a súa «avisada observación e un correcto quefacer». Tamén cultiva a temática relixiosa, propia do seu tempo e, baseándose nos estudos do sacerdote e investigador galego José Couselo Bouzas, realiza ata cinco significativas obras asinadas nas que non se adiviña ningunha tendencia a deixarse levar pola devoción.
Na Colección Afundación figuran dous retratos pictóricos —compañeiros— de busto en formato ovalado de pequenas e idénticas dimensións —frecuente dentro do tipo de retrato burgués galego da época—, datados os dous en 1886, nos que resalta a precisión e o realismo logrado. O home, calvo, con bigote abundante e cabelo abrancazado, amósase serio, con pose solemne, e elegantemente ataviado cunha medalla no peito. Aparece representado nunha posición en tres cuartos cara á esquerda sobre un neutro e escuro fondo que se torna máis claro no lado esquerdo. A muller tamén se amosa con postura protocolaria ladeada cara ao lado contrario, pero de tal forma que case roza a frontalidade. Elegantemente peiteada, vestida de negro e enxoiada, presenta un serio e en certo modo melancólico xesto. Os dous son retratos de gran calidade, que zumegan academicismo, nos que o obxectivo principal é gabar os personaxes.
Bibliografía
COUSELO BOUZAS, J.: La pintura gallega, Porto y Cía, A Coruña, 1950.
VV. AA: Galicia eterna. Vol. I: Arte, Madrid, 1985.