SANTI JIMÉNEZ
Jiménez, Santiago
( Santiago de Compostela, 1979 )
Biografía
Santi Jiménez comeza os seus estudos artísticos a partir de 2002, cando inicia a carreira de Belas Artes na Universidade de Vigo, baixo a especialidade de escultura, formación que completa con Deseño e Artes Gráficas en GUIBOR (Escola Galega de Terapia Gestalt) e un posgrao en Creatividade en EMTG (Escola Madrileña de Terapia Gestalt). Doutra banda, a súa produción artística convive con traballos freelance coa empresa de impresión Tórculo, ademais de impartir clases privadas de debuxo e pintura.
A pesar de especializarse en escultura inicialmente, o corpo principal da súa produción baséase no debuxo, en concreto o figurativo sobre papel. O seu proceso de creación comeza con referencias fotográficas, o cal xa suxire certas composicións, expresións e poses sobre as obras mesmo antes de comezar a debuxar. O debuxo resultante, que toma estas referencias, son polo xeral as figuras illadas, estas procésanse informáticamente e logo compleméntanse con diversos elementos que modifican o contexto que habitan as figuras. Nas súas obras pódese observar certa influencia do cómic no proceso de tradución das figuras do fotográfico ao debuxo, ademais da presenza de fondos neutros, que aumentan o protagonismo das figuras, e os elementos engadidos como onomatopeas ou efectos visuais. Estes engadidos tenden a achegan certa terxiversación ou literalización de conceptos que xeralmente son expresados a través dos títulos.
A súa produción presenta certo grao de continuidade desde 2006, aínda que a partir de 2020 podemos observar un maior uso de fondos negros e menor énfases no debuxo. No seu camiño, destaca o bosquexo como obra final, pese ao postprocesado realizado a través de medios dixitais. Coa exposición «Mi reino es otro» (2023) obsérvase un drástico cambio na súa pintura, especialmente a nivel compositivo, o cal é explicable debido ao uso de ferramentas de «intelixencia artificial» mixta con debuxo dixital. Esta intervención da máquina creadora supón un cambio parcial de temática e estética, co artista deixándose influír polos procesos algorítmicos, máis que impoñer a súa pegada sobre as ferramentas automatizadas. A pesar dos notables cambios na súa obra recente, cabe destacar a pegada que tivo no proceso creador do artista o mundo dixital ao longo dos anos, definindo a forma e tactilidade das obras ao longo dos anos, deixando así un testemuño dos cambios tecnolóxicos e as súas texturas resultantes ao longo do século XXI.
Comeza a expoñer colectivamente coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra en «Axustado» (2001), mentres aínda cursaba a carreira. Dentro das exposicións individuais gran parte das súas colaboracións teñen lugar con galerías como Espazo 48 ou Galería Metro en Santiago de Compostela, con exposicións como «El ladrón de atardeceres» (2007) e «La voluntad no lo es todo» (2012) en Espazo 48. Mentres que as realizadas con Galería Metro serían máis recentes, «Despertando a la vida» (2020) e «Mi reino es otro» (2023).
A obra La devoradora (2009) foi adquirida en 2011 e actualmente forma parte da Colección de Arte de Afundación. Ese mesmo ano de adquisición formou parte da exposición «Se acabó la fiesta» (2011) na galería Marisa Marimón en Ourense. A obra en cuestión é representativa do seu estilo predominante con inspiración do mundo do cómic e unha énfase na figuración con certas modificacións sobre o debuxo.
Bibliografía
CEA, M.: Mi reino es otro, catálogo de exposición (2023).
CORREDOIRA, P.: Galicia Universal: a arte galega nas Coleccións ABANCA e Afundación, catálogo de exposición (2018), Xunta de Galicia, Conselleria de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela, pág. 290.