HELENA SEGURA-TORRELLA
Segura-Torrella, Helena
( Ferrol, 1969 )
Biografía
É filla do reputado pintor ferrolán Ricardo Segura-Torrella, que terá unha grande influencia na súa obra. Diplomada en Xeografía e Historia pola Universidade de Salamanca, inicia os seus estudos artísticos no Centro de Estudos da Imaxe de Santiago de Compostela na especialidade de Fotografía e Laboratorio. Posteriormente realiza cursos de fotografía xornalística no Ateneo ferrolán, así como outros cursos e obradoiros en Galicia, Madrid e na República Dominicana. No ano 2008 realiza un máster de fotografía creativa na Escola de Fotografía e Técnicas da Imaxe (EFTI) de Madrid. A súa primeira exposición individual de fotografía ten lugar no Centro Cultural de España en Santo Domingo (República Dominicana) no ano 2001, e desde entón participa en mostras tanto individuais coma colectivas en Galicia, Madrid e na República Dominicana. No ano 2009 é galardoada co premio Isaac Díaz Pardo, é finalista no Shots Young Photographer de Londres e seleccionada por Descubrimentos Photoespaña para unha exposición colectiva que tivo lugar no Complexo El Águila de Madrid. A súa obra atópase representada en coleccións nacionais como a de Gas Natural Fenosa e a da Deputación da Coruña, entre outras, así como en diversas coleccións privadas.
Na obra fotográfica de Helena Segura-Torrella recoñécese unha liña poética próxima aos mundos encantados da literatura. As súas instantáneas recrean escenarios mentais que funcionan ante o espectador como proxección de lugares familiares; ambientes vívidos e vibrantes preséntanse como unha válvula de escape á realidade cotiá cunha recorrente evocación do mundo da infancia. A influencia do seu pai resulta evidente na temática da natureza enfocada desde unha percepción romántica, así como no vivo tratamento da cor con fortes contrastes; con Julia Fullerton Batten ou Ellen Koi comparte unha relación discursiva; de Alberto García-Alix e Cristina García Rodero recoñécense a teatralidade e o dramatismo; e de Ouka Leele e Ciuco Gutiérrez —o seu profesor e titor— o agudo colorido acompañado de elementos oníricos. Por outro lado, o emprego do claroscuro que lle confire vigor ás súas escenas condúcenos ao barroco.
Bibliografía
INNOCENCE, Deputación da Coruña, A Coruña, 2010.
ESCENAS familiares. Helena y Ricardo Segura Torrella, Concello de Ferrol, Ferrol, 2012.