SEIJO RUBIO
Seijo Rubio, José
( Madrid, 15 de octubre de 1881 - A Coruña, 9 de septiembre de 1970 )
Biografía
A formación artística de José Seijo Rubio comezou na Coruña, na Escola de Artes e Oficios, a onde se trasladou a súa familia desde Madrid, para continuala nesta cidade na Escola de Belas Artes de San Fernando, coincidindo con Bello Piñeiro, Sorolla ou Pradilla. Profesionalmente, compaxinaría a súa faceta como pintor coa docencia, primeiro no Instituto de Ensinanza Media e, posteriormente, na Escola de Comercio, ambos na Coruña, faceta que estendería á publicación de manuais sobre caligrafía e redacción. Seijo Rubio foi un activo participante nos eventos culturais que se desenvolveron na Galicia da súa época, así como en numerosas exposicións e certames.
Este autor rexeitou calquera influencia das vangardas artísticas e definiuse a si mesmo como naturalista, estilo ao que os especialistas indican que chegou desde o academicismo, deixándose influír en certo modo polo luminismo practicado por Lloréns. Apenas invariable na temática e na técnica ao longo da súa carreira, a produción deste autor experimentou escasas transformacións e foi moi ben recibida entre a alta burguesía coruñesa. Tematicamente, inclinouse maioritariamente polo xénero da paisaxe, sempre galega, na que podía incluír estampas típicas de campesiños, mercados ou celebracións populares. Tamén están presente na súa produción vistas urbanas de distintas localidades galegas. O seu obxectivo era reflectir a natureza, pero non superala, plasmándoa dalgún xeito de forma idealista.
Estas características aprécianse na obra pertencente a esta colección titulada Tarde de chuvia, na que recrea unha típica vista rural galega á beira dunha ría. Coloca nun primeiro plano dúas figuras femininas xunto a unha pequena embarcación e salpica o plano medio e o fondo con arquitecturas domésticas xurdidas nun campo ateigado de árbores. A gama cromática, composta por verdes, azuis e pardos de escasa intensidade, aplicados cunha pincelada solta que permite apreciar a textura da tea, axudan a plasmar a atmosfera galega.
A outra obra presente nesta colección leva por título Subida ao estudo, onde representa o seu propio espazo de traballo. Recréase no debuxo dos obxectos de mobiliario, cadros que colgan das paredes ou elementos arquitectónicos como a escaleira, motivo que lle proporciona unha liña de fuga á composición de xeito que lle outorga profundidade. Esta obra pódese entender como unha reivindicación da súa profesión na que defende o valor da pintura.
Así mesmo, cómpre destacar que ambas as obras están realizadas nas dúas técnicas que Seijo Rubio empregou ao longo da súa traxectoria: o óleo e a acuarela. O emprego desta última incrementaríase na última etapa da súa carreira.
Bibliografía
Barreiro, Alejandro: Del arte gallego. A Coruña, 1917.
Chamoso Lamas, Manuel: «Arte», en Galicia. Barcelona, Edit. Noguer, 1976.
Pablos, Francisco: Pintores gallegos del Novecientos. A Coruña, Fundación Barrié de la Maza, 1981.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello, 1992.
VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980. Buenos Aires, Museo Nacional de Bellas Artes, 1984.
Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic. 1970.
Gaya Nuño, J. A.: Historia y Guía de los museos de España. Madrid, Edit. Espasa Calpe 1955.
Mon Fernando: Pintura Contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.