EUSEBIO SEMPERE
Sempere, Eusebio
( Onil, Alicante, 3 de abril de 1923 - La Cova, Onil, Alicante, 10 de abril de 1985 )
Biografía
A súa infancia está caracterizada pola tristeza e a soidade, así como por unha anomalía no ollo dereito denominada «ollo preguiceiro» e unha serie de enfermidades que desembocan nunha debilidade permanente. Cun temperán interese pola arte, comeza a formación artística na Escola de Artes e Oficios de Valencia, e prosegue na Escola Superior de Belas Artes de San Carlos, onde Sorolla aínda era o principal referente. En 1948 o Sindicato Español Universitario (SEU) concédelle unha bolsa que lle permite visitar París, onde se deixa seducir por Matisse, Braque, Kandinsky, Mondrian ou Klee. Regresa a Valencia e amosa en 1949 na Galería Mateu as primeiras obras de corte abstracto, rexeitadas polo público e mais a crítica; destrúe toda a produción e retorna á capital gala. Coñece artistas como Vasarely, Soto ou Arp, e en 1955 redacta o Manifiesto de la Luz que presenta no Salon des Réalités Nouvelles. Vincúlase ao Grupo Parpalló e a Berta Shaefer Gallery presenta a súa obra en Nova York en 1960. Ese mesmo ano regresa a España e realiza a primeira exposición individual no Ateneo madrileño en 1961. Amigo de Fernando Zóbel, involúcrase no proxecto do Museo de Arte Contemporánea de Cuenca, e en 1963 obtén a bolsa Ford que lle permite viaxar a Estados Unidos e expoñer en 1964 na Bertha Shaefer Gallery xunto a Josep María Subirachs; coñece a Josef Albers e impresiónao a pintura abstracta norteamericana e a pop art. Artista fundamental e pioneiro na arte española do século XX, a súa obra figura nas máis destacadas coleccións públicas e privadas de Europa, Asia e América, e obtivo os máis importantes galardóns, entre outros, a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes (1980), o Premio Príncipe de Asturias (1983) e é académico de honor pola Real Academia de Belas Artes de San Carlos de Valencia (1984).
De carácter innovador, é en 1953, na súa segunda etapa parisiense, cando senta as bases de toda a produción posterior; abandona a figuración e empeza a desenvolver a súa obra arredor da xeometría e o cinetismo —Vasarely e outros artistas do seu círculo eran afíns a esta corrente. O seu traballo ata 1959 ten dúas vertentes que terán continuidade no tempo: os Gouaches e os Relieves Luminosos; nos últimos introduce a luz, elemento que xa non vai abandonar. Precursor da abstracción xeométrica en España e introdutor do cinetismo; afirma: «Algúns pintores introducíronlles aos seus óleos terras, estopas, armazóns de fíos. Eu incluín neles a técnica: a luz, o movemento». En 1960 introduce a táboa como soporte —aínda que non abandona o papel— influído polo grupo El Paso e evoluciona cara a un cromatismo ligado á tradición pictórica española. Arredor de 1963 iníciase no campo escultórico, fortemente vinculado coas súas experiencias pictóricas, e co aceiro inoxidable como material predilecto.
Variaciones sobre el plano (1975) é unha serigrafía que integra a Colección Afundación; técnica fundamental na súa traxectoria. En 1955 empeza a producir xunto ao pintor e serigrafista Winifredo Arcay en París, que traballaba para a galería Denise René —considerada a orixe da arte óptica e cinética. Sempere aprende esta técnica —anteriormente estudara a augaforte ou a punta seca— e reproduce a Vasarely, Mortensen ou Bloc. En 1959 coñece a Abel Martín e traballan conxuntamente; introducen esta novidosa técnica en España. Na obra que nos ocupa, sérvese de liñas paralelas para crear formas, así como da superposición de planos e da luz con gradacións de cor para suxerir dinamismo.
Bibliografía
BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España: Pintura y escultura 1939-1990, Tomo 2, Espasa Calpe, Madrid, 1995.
MELLÀ, J.: Sempere, Ediciones Polígrafa, Barcelona, 1976.
SORIA HEREDIA, F.: Sempere Obra gráfica, CAM, Alicante, 1988.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 13, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 3989-3991.