Procedente dunha humilde familia, inicia a súa formación artística na súa cidade natal na Escola de Belas Artes, onde ten como mestres aos artistas Ramón Martí Alsina e Domingo Talarn. En 1876 participa no concurso patrocinado pola Diputación Provincial, no que logra vender a súa primeira obra artística. En 1879 obtén unha bolsa para continuar os seus estudos en Roma financiada polo marqués de Castellvell, os irmáns Masriera, os Torruella. Na capital italiana fórmase na Academia Chigi onde establece unha estreita amizade co artista de orixe catalá Mariano Fortuny, pois será un referente na súa creación artística. Pronto alcanza o éxito con numerosas vendas e logra realizar encargos para o papa León XIII. Na cidade eterna reside gran parte da súa vida, salvo unha etapa na que regresa a Barcelona por mor de enfermar de malaria nas lagoas pontinas do Lacio (lugar onde pinta as súas paisaxes máis soadas), e outra en París, cidade nese momento considerada o epicentro artístico europeo, onde trasládase en 1895. Alí dá continuidade á súa exitosa traxectoria artística e o seu estudo parisiense convértese en punto de encontro de numerosos artistas novos españois. Concorre a exposicións locais e nacionais, nas que obtén distintos recoñecementos entre os que destacan a terceira medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1895 e a medalla de ouro na Exposición Universal de Barcelona de 1888. Durante ese mesmo ano expón na renombrada Sala Parés da súa cidade natal, e posteriormente tamén expoñerá nas Galerías Layetanas. A súa obra forma parte de coleccións de museos nacionais como o Museo Nacional del Prado ou a Biblioteca Museo Víctor Balaguer, e internacionais, como o Museo Nacional de Artes Visuales de Uruguai ou o Museo Nacional de Bellas Artes de Chile, así como de coleccións privadas.
Na súa obra pictórica cultiva principalmente a temática da paisaxe, en xeral dos arredores de Roma, aínda que tamén explora temáticas marroquís, bodegóns e retratos. Posuidor dun gran dominio do debuxo e a pintura, afástase de posturas vangardistas e exprésase a través dunha linguaxe realista, propio do seu tempo, fidedigno e preciso, case fotográfico e documental, aínda que tamén emotivo, que mostra unha notable influencia do seu amigo Fortuny. Traballa así mesmo no campo da ilustración, pois o seu bo facer no debuxo lévalle a colaborar coa publicación La Ilustración Española y Americana.
En Laguna Pontina, óleo sobre tea de 1896 pertencente á Colección Afundación, representa unha vista da antiga zona de marisma na rexión do Lacio da Italia central, ao sueste de Roma; lugar onde residiu durante un tempo e un dos seus temas predilectos (e sen dúbida o máis recorrente e exitoso). O intimismo, o silencio e a soidade embriagan unha vista do natural enclave iluminado mediante unha máxica luz crepuscular que baña cunha pátina nostálxica esta pintura de coidado cromatismo que evidencia o bo oficio de corte realista do autor de orixe catalá, pois todo canto está representado rezuma exactitude e minuciosidade.
DICCIONARIO de pintores y escultores españoles del siglo XX, vol. XIII, Forum Artis, Madrid, 1994.
GARRUT, J. M.: Dos siglos de pintura catalana (XIX – XX), Ibérico Europea de Ediciones, 1974, Madrid.
GONZÁLEZ, C. e MARTÍ, M.: Pintores españoles en París, Tusquets Edit., Barcelona, 1989.
GONZÁLEZ, C. e MARTÍ, M.: Pintores españoles en Roma (1850- 1900), Tusquets Edit., Barcelona, 1987.
MARAGALL, J. A.: Historia de la Sala Parés, Edit. Selecta, Barcelona, 1975.
PANCORBA, B.: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes celebradas en España, Jesús Ramón García Rama, Madrid, 1980.