SOLEDAD SEVILLA
Sevilla Portillo, Soledad
( Valencia, 1944 )
Biografía
Estuda na Academia de Belas Artes de Sant Jordi en Barcelona entre 1960 e 1965, e entre 1969 e 1971 amplía a súa formación no Seminario de Xeración Automática de Formas Plásticas do Centro de Cálculo da Universidade Complutense de Madrid. Obtén as bolsas da Fundación Juan March (1980) e do Centro de Promoción das Artes Plásticas e Investigación das Novas Formas Expresivas (1980), así como a do Comité Conxunto Hispano Norteamericano para Asuntos Culturais e outra da Universidade de Harvard, que o levan a residir en Boston entre 1980 e 1982. En 1968 participa por primeira vez nunha mostra colectiva, na galería Eurocasas de Madrid, e en 1969 realiza a súa primeira exposición individual na galería Trece de Barcelona. A partir deste momento expón en numerosas cidades españolas, así como en diversas cidades de Europa e América. Foi galardoada co Premio Nacional de Artes Plásticas (1993), coa Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2007), co Premio José González da Peña, Barón de Forna, da Real Academia de Belas Artes de San Fernando (2007) e co Premio Arte e Mecenado (2014), entre outros. A súa obra forma parte de renomeadas entidades tales como o MNCARS, o Künstmuseum de Malmö, o Museo Marugame Hirai de Arte Español Contemporánea de Xapón ou o Parlamento Europeo.
Soledad Sevilla é unha artista cuxa obra se caracteriza principalmente por pinturas de gran formato —considérase ante todo pintora— e instalacións que se sitúan entre as fronteiras da arquitectura, a land art e a escultura, nas que explora relacións entre luz, materia e espazo. A finais dos sesenta —momento no que comeza a súa carreira artística— busca atopar un estilo diferente do informalismo e expresionismo imperantes na arte española do momento como rexeitamento á ensinanza académica recibida. É cando explora a Arte Normativa (movemento baseado na forma seriada, na pureza cromática e no atonalismo), e a súa obra desta época posúe un carácter serial e xeométrico con xestos e imprecisións que personalizan cada peza. Posteriormente, evoluciona cara a unha abstracción máis lírica, na que busca o diálogo entre o emocional e o racional, e usa a xeometría como ferramenta para a análise espacial. Nos oitenta centra o seu traballo na investigación da paisaxe como unha memoria cultural e vivencial a través de sutís tramas e retículas. Contra mediados dos oitenta realiza as súas primeiras instalacións, como medio de expresión complementario á pintura. Nas súas instalacións recorre a temas como a condición feminina, a morte e o devir do tempo, sempre ligados á poesía; busca emocionar plasticamente. Contra finais dos noventa desaparece a retícula das súas obras, se ben persiste unha certa idea xeométrica, e inicia unha etapa máis orgánica na que ademais cambia o acrílico polo óleo; estes cambios formais prodúcense, ademais de por razóns fisiolóxicas, pola vida persoal da autora.
Na Colección Afundación atópase unha obra da serie Insomnio, na que a artista xoga con elementos imprescindibles na súa produción: a luz e a interrelación entre a realidade e a ficción. “O muro” esténdese ata os límites do cadro e dilata o espazo coa beleza da pintura. Na súa traxectoria tamén hai lugar para a obra gráfica. Achamos unha augaforte-augatinta pertencente á serie Na sorte contraria, na que Sevilla explora a temática da tauromaquia desde unha plástica sinóptica, de tal maneira que se libera do anecdótico e selecciona aquilo que define as tensións da acción: neste caso o touro e o capote, reducidos a estruturas dunha xeometría libre. O conxunto vese reforzado por un uso da cor moi contrastado entre o vermello e o negro.