CARLOS SOBRINO
Sobrino Buhigas, Carlos
( Pontevedra, 18 de marzo de 1885 - Vigo, 4 de diciembre de 1978 )
Biografía
Carlos Sobrino Buhigas nace nunha familia de forte ligazón co medio intelectual e artístico. Nunha primeira fase, que corresponde cos seus anos de formación e primeira madureza, Sobrino procura unha linguaxe no ambiente formativo na que realiza a súa consolidación como pintor: o Madrid da primeira década do XX. Trátase dun medio influído pola crise do 98, pola progresiva chegada de influxos simbolistas e polo auxe dun rexionalismo de matriz académica.
Neste período, os cadros de temática galega adoptan unha estética na que o popular é ollado con certa tensión, cun tremendismo valleinclanesco, todo un síntoma de época, cunha visión que insire o desacougo como elemento importante dentro da obra, mesmo ocupando a súa cerna.
As influencias da estampa xaponesa, do modernismo e posteriormente da art déco fanse evidentes despois das súas estadías en París en 1921 e en Londres e París en 1923, e van ser situadas nun contexto temático de costumismo galego. Sobrino somete os temas, convencionalmente galegos, a unha estilización art déco, con escenas de personaxes populares que semellan saír dunha representación teatral, adobiados con pormenores ideais de carácter romántico. Participa a súa postura dun galeguismo que admira o modelo de vida tradicional e que responde contra a modernidade en termos estéticos moderadamente innovadores, pero que reflicten con claridade as posturas ideolóxicas conservadoras.
Os debuxos, acuarelas e óleos de Carlos Sobrino teñen, asemade, un valor e un carácter descritivo-etnográfico, en dúas vertentes: unha de inclinación arqueolóxica e moi ligada ao ambiente creado desde finais do XIX pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (Interior, 1940); e outra máis achegada á etnografía. Recolle un abano amplísimo da cultura material, sen esquecer tampouco a representación de costumes: construcións populares (Vila galega); obxectos de uso doméstico; traxes (Muller con galiña, 1936); representacións de danzas, etc. Neste sentido a súa postura ten unha evidente ligazón cunha parte importante da cultura galega do seu tempo, pensemos na sección do arquivo etnográfico que endexamais faltaba na revista Nós (1920-1936).
O pintor opta polo rural e tradicional fronte ao urbano e moderno. A partir da década dos vinte acentúa a súa opción polas composicións de temática labrega e mariñeira, que chega ao seu apoxeo nas obras de gran formato e barroquismo da década dos trinta como o Tríptico mariñeiro (1931) e o Tríptico campestre (1931). Estas obras permiten achegarnos ás claves da súa organización plástica e ideolóxica, son exemplos perfectos do seu estilo neste momento: escena popular coa paisaxe ao fondo e unha composición teatral, de carácter coral, no que se salienta o colorido das vestimentas tradicionais e, en xeral, os elementos costumistas. Todo o tradicional é connotado positivamente. Así o artista sitúase nun locus amoenus, nun tempo eterno no que natureza e seres humanos están en simbiose absoluta, en equilibrio ideal, xa sen sombra do desacougo que podiamos percibir en obras da primeira metade dos anos dez. Unha linguaxe á que vai permanecer fiel ao longo da súa dilatada traxectoria creativa.
Carlos L. Bernárdez
Bibliografía
CARLOS Sobrino, Deputación Pontevedra, Pontevedra, 1998.
C. Sobrino, 1885 - 1978, Fundación Caixanova, Vigo, 2008.