SOLVEIRA
Solveira Collazo, Pedro
( Vigo, 1932 - A Guarda, Pontevedra, 28 de agosto de 2017 )
Biografía
A súa infancia e a adolescencia transcorre no ambiente obreiro da súa cidade de nacemento. A profesión do seu pai (mecánico experto en motores) impresiona o pequeno Solveira. En 1944 contrae o tifo e durante a convalecencia empeza a debuxar. Moi novo entra a traballar baixo as ordes de Ignacio Senra en La Metalúrgica, na sección de Debuxo e Deseño, aquí aprende as técnicas de litografía sobre chapa, o debuxo en pedras litográficas e os procesos de estampación e coloración en litografía industrial ao tempo que estuda pintura. Marcha a Madrid para ampliar a formación artística. Con dezasete anos trasládase a París, onde estuda esmalte e coñece a obra dos arquitectos Rafael Lehoz e Le Corbusier, cuxa influencia na súa obra será esencial. Regresa a Vigo en 1955 e empeza a súa traxectoria profesional que o levará a realizar numerosas exposicións, en España, e a nivel internacional, en Caracas, Bos Aires, París, Xénova, Xenebra, Tokyo, Berlín ou Londres. Coa Fontainebleau Art Gallery de Nova York expón desde 1971 nas principais cidades americanas. Continúan os seus logros nacionais e internacionais, e en 1996, Caixavigo organiza a súa mostra antolóxica do ciclo Grandes Artistas Gallegos. A súa obra está representada en destacados museos e institucións de Galicia, resto de España e Estados Unidos, e en importantes coleccións particulares.
Medios e soportes sorprendentes conforman a súa obra, baseada nun debuxo firme e nunha innovadora técnica, froito do seu intenso proceso de investigación con materiais e procesos industriais. O ferro como soporte e como símbolo, cun cromatismo único, é o eixe sobre o que pivota o universo formal deste “inventor de formas”. Comeza nun realismo de carácter folclórico para evolucionar cara a unha abstracción construtiva. A súa traxectoria pódese encadrar nunha serie de períodos, nos que se integran as oito pezas da Colección Afundación. En 1955 crea a técnica de pintura ao esmalte sobre ferro cicelado —propia da súa etapa figurativa onde plasma desde unha perspectiva realista a Galicia da súa infancia— como na paisaxe mariñeira do esmalte Faenas. Abandona a figuración, e nos sesenta aparecen novas morfoloxías no período «combinación de volumes no espazo», caracterizado polo volume, a liña e a síntese, e pola técnica da oxidación sobre ferro cicelado. Encádranse nesta etapa Anemone e a obra Sin Título, nas dúas destaca a elegancia compositiva, e o xogo de relevos e cores da prancha de ferro.
A seguinte década está caracterizada pola inclusión do tema musical (a súa eterna «acompañante abstracta»), a xeometría perde peso e aumenta a abstracción expresionista; neste período intégranse Descomposición de un piano en el espacio e Paloma onde xera atmosferas de marcado lirismo. No período comprendido entre 1980 e 1995, denominado «construtivismo e xeometrías espaciais», a madeira é a protagonista (influído polos seus coñecementos dos procesos dos estaleiros), xorde o metacrilato, e incorpora novos elementos e técnicas como os espellos, o grattage ou o dripping. A esta etapa corresponden a construtivista Planos y fugas (sobre conceptos surreais) e unha obra Sin título de efectos extraordinarios, as dúas oxidacións sobre ferro cicelado. A partir de 1995 realiza, entre outros traballos, esculturas colgadas, maquetas sobre construtivismo, de novo brota a temática musical, como en Notas sueltas en una estructura musical, en técnica mixta sobre papel e prosegue a súa investigación en arquitecturas soñadas.
Bibliografía
-Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -Ilarri Gimeno, Angel: Catálogo do Pazo Museo «Quiñones de León». Vigo, Concello, 1978. -VV.AA. "Pedro Solveira" catálogo da antolóxica nº 34 da serie "Grandes Artistas Galegos" coa obra reproducida.
Obra
-
Sin título 1986
-
Notas sueltas en una estructura musical 1997
-
Descomposición de un piano en el espacio 1980
-
Paloma 1980