MANUEL MOLEZÚN
Suárez-Pumariega Molezún, Manuel
( A Coruña, 1920 - Madrid, 31 de enero de 2001 )
Biografía
Nace na Coruña e con oito anos trasládase a Madrid, onde máis tarde establecerá a súa residencia. Alí estuda Medicina e exerce a profesión durante quince anos. Destacado atleta, representa a España na olimpíada de Londres de 1948. Entre 1950 e 1953 realiza viaxes de estudos a París e Roma que o poñen en contacto co ambiente artístico europeo. En 1955 decide abandonar a medicina para dedicarse profesionalmente á arte, un ano antes realizara a primeira exposición na Sala da Dirección Xeral de Belas Artes e ganara o gran premio de interiorismo na Trienal de Milán de 1954, onde realiza a montaxe do pavillón español —un traballo de integración de arquitectura, interiorismo, pintura, escultura e xoiaría— xunto co seu primo, o arquitecto Ramón Vázquez Molezún, e co escultor Amadeo Gambino, cos que conforma o grupo MoGaMo. En sucesivas ocasións explora as artes aplicadas e —dun modo concreto— a composición de vidreiras que, en parte, constitúe o antecedente da súa pintura. En 1956 obtén o primeiro recoñecemento internacional da súa obra coa medalla de ouro de vidreira na Bienal Internacional de Arte Sacra de Salzburg polas súas vidreiras de formigón. Desde ese momento realiza numerosas vidreiras, paneis e murais para edificios públicos como universidades, hospitais, igrexas ou aeroportos en España e no estranxeiro. Expón a súa pintura en numerosas mostras en territorio nacional e internacional e, de maneira paralela á súa faceta creativa, desenvolve durante moitos anos un renovador labor docente como profesor de teoría da cor na Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid. En Galicia, consolida o prestixio no ano 1992 cunha mostra no Centro Cultural Caixavigo dentro da serie Grandes Artistas Galegos. Considerado un dos creadores galegos contemporáneos de maior sona internacional, a súa obra está representada nas máis importantes coleccións de arte contemporánea nacionais e internacionais.
Artista multidisciplinar, cultivou desde o deseño para estampados en tea, ás vidreiras ou murais. A súa pintura vinculada á abstracción xeométrica bebe do cubismo —el clasifica o seu estilo como neocubismo. Compón os traballos sobre formas xeométricas superpostas en diferentes capas e ángulos, a modo construtivista. Os obxectos recréanse en termos xeométricos, cunha gama cromática restrinxida dominada polo negro. A medida que transcorre o tempo a súa produción tórnase máis sintética e redúcense a materia, os xogos de luces e as veladuras.
Na Colección Afundación atopamos catro obras: dous acrílicos sobre táboa e dúas obras sobre papel con técnica mixta. As pinturas sobre madeira, de 1975 e 1990, son composicións —o autor non lles pon título ás súas creacións e refírese a elas como “composicións”— abstractas de formas xeométricas estruturadas en diversos planos, con tonalidades sobrias de marróns, negros e brancos. A madeira xoga un papel esencial. Na composición de 1983, sobre papel, constrúe un espazo pictórico no que se serve de brancos, morados e negros de maneira que convive unha estrutura de planos xeométricos con elementos espontáneos como brochadas ou goteos; e a composición datada en 1974 estrutúrase en dúas zonas diferenciadas: unha en negros e ocres —construída con gran precisión— e outra na que domina a xestualidade de vermellos e amarelos. Todas elas comparten a característica liberdade na súa composición, así como o emprego das coñecidas veladuras de Molezún.
Bibliografía
Aguilera Cerni, Vicente: Panorama del nuevo arte español. Madrid, Edit. Guadarrama 1966.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Castro Arines, José de: Molezún. Expósición Antológica. Vigo, Caixavigo 1992.
I Mostra Unión Fenosa. A Coruña 1989.
Rozas, Mercedes y Gonzalez Alegre, Alberto: Trazos e Camiños. Compostela, Xunta de Galicia, 1993.