ALFONSO SUCASAS
Sucasas Guerra, Alfonso
( Goiás, Lalín, Pontevedra, 1940 - Ferreirós, Vila de Cruces, Pontevedra, 26 de junio de 2012 )
Biografía
Emigrante en Brasil desde moi neno, adquire alí a súa formación artística, cun rigor no debuxo, un sentido compositivo e unha visión muralista dos temas que parten de Portinari, a quen inicialmente segue este paisano galego de Laxeiro, que o presentou en Galicia á súa volta de América, en 1969. Nas súas exposicións iniciais, en Compostela, Vigo e Pontevedra presenta unha tipoloxía popular de rexas anatomías, observación directa dos seus paisanos galegos que esquematiza en fortes escorzos, ditos cunha paleta quente na que impera o marelo. As súas series de augatintas confirman a súa condición de debuxante magnífico, capaz de suxerir un carácter, un ambiente, en poucos e rotundos trazos que alterna con outros de morbidez intimista. Expón en diferentes cidades de Galicia e de España. Pasa unha tempada en Levante, onde se inicia a evolución do seu concepto plástico cara a un expresionismo dinámico, dalgún xeito emparentable con Bacon, aínda que nunca perde por completo certo racismo. As súas xentes seguen sendo galegas, de observación directa pero con fortes doses de abstracción. Unha ironía marcada, entre tenra e cáustica aparece nas series de caras e nas escenas caricaturizadas. Participa na mostra colectiva "Vangardas e silencios", que organiza a Xunta de Galicia e na que é un enlace entre figurativos tradicionais e os puramente informalistas. A obra de Sucasas figura en museos de Galicia e de América. É un pintor cunha personalidade moi definida, de tendencia neofigurativa, dono dunha expresión moi rica e dunha paleta entoada en terras e ocres, marelos e verdes, que incide no simultaneísmo dende unha materia leve e sabiamente insistida para suxerir mundos que parten do cotían e a anécdota para ser plástica pura en síntese de tradición que vai de Goya a Severini, pasando por Laxeiro, lonxanamente, e afondando sempre en tódalas posibilidades plásticas do vagamente representado.
Bibliografía
I Mostra Unión Fenosa, Unión Fenosa, A Coruña, 1989.
ARTE gallego en Caixa Galicia, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1992.
FONTE, R.: Laxeiro/Sucasas, Fundación. Caixa Galicia, A Coruña, 1990.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PABLOS, F.: Colección Adriano Marques de Magallanes, Concello de Vigo, Vigo, 1992.
VANGARDAS e silencios, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 1988.