MERCEDES TABOADA GIL
Taboada Gil, María Mercedes
( Pontevedra, 1944 )
Biografía
Na súa cidade natal participa por primeira vez nunha mostra colectiva, en 1983. Ó ano seguinte faino na sección de novos valores, da VI Bienal Internacional de Arte auspiciada pola Deputación provincial de Pontevedra, experiencia que repite en 1985. Concorre a diversos certames en Galicia, á segunda Bienal d´Art de Barcelona, e en 1990 obtén o primeiro premio do concurso Carlos Maside, do Concello de Pontecesures. En 1991 participa por primeira vez na Mostra Unión Fenosa, que repetirá nas convocatorias sucesivas, e a súa obra chega a Lorient, Francia. Individualmente expuxo, desde 1986, en Pontevedra, Vilagarcía, Burgos, Santiago de Compostela e Madrid, na Casa de Galicia. A pintura de Mercedes Taboada é posexpresionista, e de raizame moi francesa, especialmente referenciada nas tendencias postreiras de Henri Matisse. Deliciosamente sinóptica, escueta, os elementos dos seus bodegóns están reducidos á pura ideación, e á súa silueta, e díos en cores case planas, contrastantes, de verdes limpos, marelos, carmíns exultantes. Estética deliberadamente núa, sobre un debuxo mínimo, para que a cor se enseñoree do resultado, enérxico, directo, extraordinariamente plástica. Viu e dixeriu moita pintura europea, e sen desasirse por completo das referencias, a súa obra é, case por desexo deliberado, abstracta. En calquera caso, esa elementalidade non é tanteo, senón resultado, consecuencia da anulación deliberada de todo o accesorio, para que a cor se impoña.
Bibliografía
Catálogo da exposición da Casa de Galicia coa obra reproducida.
F. Pablos, “O secundario elevado ó protagonismo”, presentación do catálogo da exposición “Bodegóns e Floreiros” reproducido co núm. 31.
Vilanova, Fernando M.: Texto en catálogo. Xunta de Galicia. Madrid, 1996.