GERMÁN TAIBO
Taibo González, Germán
( A Coruña, 27 de enero de 1889 - París, Francia, 1919 )
Biografía
Este grande artista non posúe o recoñecemento que merece nin a monografía que inexcusablemente debe dedicárselle, posto que se trata dun pintor de extraordinarias facultades, debuxante magnífico e colorista excepcional, cunha curta existencia que non lle permitiu remata-la obra á que sen dúbida estaba destinado. José Luis Bugallal precisou as circunstancias exactas do seu nacemento, inicialmente equivocadas. A súa familia emigra á Arxentina cando o futuro pintor ten moi poucos anos. De tódolos xeitos, o rapaz Germán Taibo puido corricar polas rúas coruñesas con outro rapaciño, un pouco maior ca el e pintor precoz, chamado Pablo Ruiz Picasso, con quen probablemente volveu a encontrarse no París dos primeiros anos do presente século, onde Taibo se trasladou por xentileza dunha dama arxentina de orixe francesa, da que descoñecemo-la súa identidade, e que apreciou as condicións de artista do rapaz emigrante. Taibo, en París, asiste á famosa academia Julien, na que eran precisos duros exercicios para entrar, porque a demanda de prazas superaba amplamente a oferta. Segundo Alejandro Barreiro, periodista e crítico de arte herculino nos comezos do século, que debeu de tratar persoalmente ó artista, Taibo estivo xunto a Julien seis ou sete anos. Cando a penas é maior de idade, o galego independízase e comeza a facer retratos e nus de extraordinaria elegancia para os que é modelo Simone Mafleux, compañeira da súa vida e dunha fidelidade ó pintor que continuará despois da prematura morte de Taibo. O pintor regresa á súa cidade natal en 1908, aínda que a súa familia continúa en Sudamérica. Permanece por algún tempo e en 1912 envía obra para a exposición de arte galega que acolle a urbe herculina. Dos primeiros anos parisinos é un autorretrato que posúe o Concello da Coruña, onde, con modos de Manet, se representa cun aire romántico de mirada nostálxica, elegante e mesmo dandy, como realmente debía de se-lo mundano galego, que sen dúbida se ambientou moi ben en París, xa que no Salón dos Campos Elíseos de 1913 consegue a segunda medalla. En 1916 realiza unha exposición en Madrid que obtén un rotundo éxito de crítica. Taibo percorre Francia na procura de temas para as súas paisaxes e coñece desde Bretaña ata a Costa Azul. En 1918, fuxindo da gripe epidémica que ocasiona numerosas víctimas, Taibo abandona París e volve á Coruña con Simone e a filla de ambos. Trae a súa pintura impresionista e os seus nus elegantes, probablemente considerados moi atrevidos para a súa época, aínda que sexan moito máis discretos cá Olimpia de Manet, parte dos cales quedará definitivamente, como mostra do seu talento, no futuro museo local. Concluíu a grande guerra, pero non a epidemia da gripe. Taibo regresa a París a finais de 1918. Cando acaba de cumpri-los trinta anos falece, víctima da devandita enfermidade, o 14 de febreiro de 1919, na súa casa da rúa Moulin Vert, tan glosada na literatura. Seu pai, que acudiu xunto ó leito do seu fillo, presidirá o cortexo fúnebre do malogrado pintor. A obra que se inventaría no estudio do artista cruza ese mesmo ano o Atlántico para figurar, con tódolos honores, na Exposición de Arte Galega de Bos Aires. O pai de Taibo ofrece á Coruña algúns cadros do seu fillo, e, despois de catro sesións do concello e en obrigacións de empréstito, adquíreos por 40.000 pesetas. A obra de Taibo, moi espallada, está en museos de Galicia, Francia e Sudamérica. Actualmente é un dos nomes máis buscados polos coleccionistas, xa que se lle considera imprescindible na etapa que une o folclorismo coas novas tendencias. Como artista, Taibo estaba excepcionalmente dotado. Debuxante firme, de longo exercicio académico, os seus nus, de difíciles escorzos moi ben resoltos, están descritos cunha materia ben medida, de moi bo oficio e en modos postimpresionistas que o achegan xa ó modernismo de transición cara a "ismos" máis avanzados, nos que non chegou a participar probablemente porque non os sentía, pese a que cando morre xa se ten producido a revolución picassiana do cubismo e boa parte da obra de Juan Gris e Modigliani. Na paisaxe compórtase coma un impresionista ortodoxo, se se pode falar así. Mancha grosa, toque de pincel nervioso, paixón pola luz. Algún exemplo das costas francesas, que garda o Museo da Coruña, confirma a súa capacidade de construír directamente coa cor, con sorprendente soltura, sempre cunha paleta quente, en carmíns, azuis, ocres e amarelos. Non hai parentesco posible entre este galego afrancesado, no mellor sentido plástico do termo, e os artistas da súa época en Galicia.
Bibliografía
GERMÁN TAIBO, Real Academia Provincial de Bellas Artes 'Nuestra Señora del Rosario', A Coruña, 1947.
PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1981.