RAMIRO TAPIA
Tapia Sánchez, Ramiro
( Santander, 1931 )
Biografía
A través da súa nai, afeccionada á astrología, descobre un mundo cheo de fantasía e a súa avoa incúlcalle a súa afección pola arte. Reside desde moi temperá idade en Madrid, onde inicia a carreira de Arquitectura en 1949, que compaxina coas clases na Academia de Debuxo de Enrique López-Izquierdo, onde coincide con futuros grandes arquitectos. Un ano máis tarde, intégrase no círculo da vangarda madrileña, participa nas súas primeiras mostras colectivas, e fórmase en Modelado con Ángel Ferrant na Escola de Artes e Oficios. En 1952 decide abandonar de maneira definitiva a carreira de Arquitectura para dedicarse exclusivamente á arte. Participa en 1954, e gaña un premio, no I Concurso de deseño para estampados a man sobre teas de decoración organizado pola firma Gastón e Daniela, onde coñece ao seu promotor, Will Wakonigg, con quen inicia unha colaboración no ámbito decorativo e do deseño téxtil. Convértese en director artístico de diversas empresas, realiza importantes proxectos de pinturas murais, e ten a oportunidade de viaxar a Francia, Suíza e Italia, onde coñece en directo a obra de Klee ─fundamental na súa vocación pictórica, xunto con Arthur Rackhan e Aubrey Beardsley─. En 1964 funda o Movimiento Flor con outros artistas como Carmen Santonja ou Adolfo Arrieta, e realiza a súa primeira mostra individual na Galería Marco Polo de Madrid tres anos máis tarde. En 1980 inicia a súa relación coa Galería Theo de Madrid, e a súa obra adquire unha ampla proxección internacional. Participa na Expo de Sevilla de 1992, e cara a finais dos noventa en destacadas feiras de arte contemporánea como EuropArt, ou ARCO, en numerosas edicións. Obtivo galardóns como o segundo premio de Pintura na Bienal Internacional de Bayona (Francia, 1961), a medalla de prata no Salón Nacional de Pintura de Alicante (1967) ou o primeiro premio e medalla no Bicentenario da Escola de Nobres e Belas Artes de San Eloy (Salamanca, 1984). A súa obra percorreu Europa, América e Asia, e figura en coleccións nacionais como a do MNCARS, Colección BBVA ou a do Museo Provincial de Salamanca, así como en coleccións internacionais.
Artistas de espírito inquieto, a comezos dos cincuenta realiza unha pintura figurativa que denomina «simbolismo lírico» ou «realismo máxico», para evolucionar cara a un período abstracto (1961-1964), dominado polo esquematismo e a carga conceptual, no que reside en Salamanca. Tras a súa volta a Madrid, retorna á figuración e desenvolve a súa obra en series moi vinculadas ao universo surrealista. Defínese como «un pintor simbolista e magicista con tendencia ao esoterismo» e asegura: «Pasei por varias etapas que variaban en función dos meus estados de ánimo». Entre os seus referentes, ademais dos mencionados anteriormente, destacan mestres das escolas holandesas do Gótico Tardío e Renacemento como Van Eyck ou O Bosco, e do século XVI, Brueghel.
Na Colección Afundación figuran dúas obras pictóricas do autor datadas en 1971. Tanto en Espora Metamórfica como en Erizo planeta, destacan sobre fondos escuros uns elementos como unha sorte de singulares obxectos, «formas inventadas en continua metamorfose», que parecen flotar no espazo sobre misteriosas paisaxes nos que non se adiviña presenza humana algunha. Parte sempre de «unha concepción fantástica da realidade», de maneira que se adiviña en ambas as composicións a súa característica «lírica máxica» de gran carga simbólica, así como unha harmonía cromática ─con predominancia de tonalidades neutras─, un dominio do debuxo e un xogo textural.
Bibliografía
RAMIRO Tapia. En busca de la pintura, 1954-1984, Casa Municipal de Cultura, Salamanca, 1984.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 14, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 4146-4147.