ANTONIO TENREIRO
Tenreiro Brchón, Antonio
( A Coruña, 6 de febrero de 1923 - 26 de octubre de 2006 )
Biografía
O seu pai é o recoñecido arquitecto coruñés Antonio Tenreiro Rodríguez. Fórmase nun ambiente familiar burgués moi afín á arte. Manifesta unha vocación artística temperá e recibe as súas primeiras leccións de debuxo con Jesús Fernández e posteriormente copia xesos na Escola de Artes e Oficios. No entanto, nun primeiro momento, segue os pasos do seu pai, e comeza a estudar Arquitectura en Madrid en 1945; obtén o título en 1951. Este período madrileño non fai senón reforzar a súa vocación pictórica; asiste como alumno libre a distintas clases na Escola de San Fernando, relaciónase co núcleo da chamada Nova Escola Madrileña, e intégrase no debate da pintura española arredor da vangardista galería Buchholz. Unha constante ao longo da súa traxectoria será a de compatibilizar a arquitectura coa pintura. Regresa a comezos dos cincuenta á súa cidade natal —en cuxa Asociación de Artistas realiza a súa primeira exposición xunto a Labra— reclamado polo seu pai para estrearse como arquitecto; a partir deste momento forxa unha destacada traxectoria neste campo. El e os seus amigos, Labra e Lago Rivera, convértense nun revulsivo no ambiente artístico coruñés ao optar por unha visión figurativa de vangarda oposta ao costumismo imperante na arte de posguerra, e colaboran coa revista Atlántida (entre 1954 e 1956) coa intención de introducir a nova linguaxe artística na cidade. En 1955 obtén o primeiro premio de acuarela na Bienal Hispanoamericana de Barcelona, e en 1989 ingresa como académico numerario da Real Academia Galega de Belas Artes.
Na súa «etapa de iniciación» no universo pictórico (desde os anos trinta ata 1957) dá os seus primeiros pasos coa acuarela, e posteriormente sérvese do óleo para pintar bodegóns e paisaxes moi empastadas cun predominio da mancha vigorosa e cun colorido claro; sitúase moi próximo ao fauvismo e reflicte a súa fascinación polo impresionismo e postimpresionismo. Séguelle a «época negra» (1957-1967) caracterizada pola súa intensa actividade viaxeira e expositiva a nivel internacional. Son anos nos que se deixa seducir pola realidade do neovangardismo histórico parisiense da segunda posguerra mundial baseado na herdanza do fauvismo e do cubismo; evidénciase unha progresiva xeometrización dos seus temas e un achegamento progresivo a tonalidades ocres e escuras. Durante a «época de transición» (1968-1980) a súa pintura evoluciona cara a un decorativismo das formas e un colorido similar ao de Marquet e Matisse. Nos oitenta aproxímase ao naturalismo, sen abandonar a liberdade de trazo e cor de décadas pasadas, e nos noventa e primeiros anos do século XXI centrarase principalmente no xénero da paisaxe urbana.
Na Colección Afundación figuran cinco obras da artista realizadas coas súas técnicas máis recorrentes: óleo, acuarela e guache, e as súas temáticas máis características: a paisaxe e o bodegón; aínda que tamén pintou retratos e interiores. Dous guaches pertencen á súa «etapa negra», realizados coas súas expresivas e rápidas pinceladas, de mancha firme. En Inverno (1958) representa unha paisaxe natural con predominancia das tonalidades grises e cunha gran carga de dramatismo, tamén presente en Na costa da morte (1964), na que destaca o intenso contraste cromático. Da súa «época de transición» atopamos dous óleos, unha paisaxe campestre cun castelo (1971) realizada cunha pincelada solta moi empastada, e un bodegón (1978) cunha pincelada máis contida e lixeira. Na acuarela Paisaxe (1989) representa a vista dunha vila mariñeira cunha composición máis naturalista e cunha liberdade cromática de suxestivo lirismo.
Bibliografía
ANTONIO Tenreiro 1923 - 2006, Monografías, Museo de Belas Artes da Coruña, Xunta de Galicia, A Coruña, 2012.
MORENO GALVÁN, J. M.: Introducción a la pintura española actual, Publicaciones Españolas, Madrid, 1960.
PABLOS, F.: A. Tenreiro. Exposición antológica, Caixavigo, Vigo, 1990.
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.